Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Así o fixo e no prato da romana puxo a revista cubana A Gaita Gallega, feita en galego en Cuba. Traía moito po e ó quitarllo caéronlle tódolos números menos os cinco primeiros. San Miguel mirou retranqueiro para min e dixo: Pesa pouco por deixares a Chumín de Céltigos na estacada; pero algo pesa, porque A Gaita Gallega foi unha bandeira, antes de que tivésedes bandeira. Despois S. Miguel sacou un papel que é unha acta da Liga Gallega que eu redactara o 30.3.1898 e aquel papeliño pesou coma se fora un libro, porque é a primeira acta en galego da época moderna. E foi poñendo máis actas e cartas en galego, escritas por min, que no seu momento tronzaron o costume de non escribilas cousas formalizadas na fala dos humildes. E o prato da romana seguía baixando. Unha repentina e misteriosa luz no prato fixo que eu me vise falando en galego en Carral en 1899 en homenaxe ós mártires, antes aínda de poñermos alí o monumento e antes do mitin de 1907 en Betanzos, e isto tamén pesou, porque consolidaba a innovación que oito anos antes fixeran en Tui Murguía, Brañas e Cabeza de León pero que non tivera continuidade. Despois empezou a poñer no prato as miñas pezas teatrais: A Ponte, Minia, Mareiras, Esclavitú... os meus Contos, a miña Gramática, os meus escritos políticos pero non pesaron, como eu esperaba. Vese que aquí se miran as cousas con outros ollos. San Miguel falou e dixo: Na hora da verdade non se valora só a calidade técnica senón con qué e para que se fixo. E santa María da Cruña dixo: ¡Ben falado! O mérito deste home autodidacta é que abriu portelos nos muros dos poderosos e fixo subilos humildes. E san Miguel replicou Coa venia, iso teno que dicila romana. E Santa María dixo polo baixo: Pero razón téñoa. E san Miguel seguiu poñendo no prato da romana sucesivos traballos meus e a todo lle tiraba algo de lixo. E Santa María da Cruña dixo: Poñendo en pedra en Carral a inscrición Aos mártires da libertade fixo que falasen o galego as pedras, que non o falaban dende que outro tanto fixera Ares García de Rajoo en mil e quinhentos trinta e seis en Pontevedra, que aínda está alí a pedra, que se pode ver. Porque, falemos claro, a lingua é quen a fala. E dignificar unha lingua é darlle aire a quen a fala para que alente.
133 Nº 367