BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
aqueles ós que o ceo lles parecía menos bonito cá súa terra e pedíronlle ó Gran Arquitecto que lles axeitase alí un lugar que tivese o mellor do que alá deixaran. E fíxollelo. E nel só podían entralos que falaban antorqués, non os desleigados que tiñan a menos a lingua do país. A falala verdade, eu xa vos quedaba de boa gana con xente tan feita. Pero Santa María da Cruña fíxome seguir ó paraíso dos gramáticos e baixei a cabeza para non ver. Ela leume o pensamento e dixo: Da túa Gramática do Idioma Galego vendéronse dúas edicións e por ela estudaron o galego os primeiros que o estudaron. Anda para diante, que hai máis que ver. Chegamos ó paraíso dos patriotas. Na porta había un letreiro que dicía: A patria é un altar, non unha peaña. Entramos e vin alí alguén que me lembraba o san Miguel pesando as almas das nosas igrexas románicas. Voulle chamar san Miguel por nos entendermos. Tras del abríanse sete mundos. Todos sete tiñan cadanseu letreiro na entrada. Un dicía A patria é o espírito dos que caeron e a dor dos que sofren. Outro, A patria é querer construílo paraíso. Outro, A patria é o ser humano. A patria é a lingua. A patria non ten hoxe: é onte e mañá. A patria é a sombra longa e roiba da infancia. E así. O tal san Miguel pesaba as almas nunha romana de ouro e as que daban o peso encamiñábanse a un deses sete mundos que trala libra se abrían. Vendo aqueles letreiros, pensei se eu daría entrado por algún deles ou tampouco. Santa María da Cruña mirou para min cun sorriso de veludo que me deu acougo. Chegado o meu intre, San Miguel sorriu e dixo así: ¡Bos ollos vexan o home dos seis nomes! Di cal foi o momento que cambiou a túa vida. Foi ?dixen eu? naquel decembro de 1881, indo a pé de Sada a Oleiros cando sentín xente a cantar no cemiterio de Liáns. Púxenme a saltar valados e comareiros, cheguei alí e estaban os rapaces do Orfeón Brigantino cantando en galego en homenaxe ó noso músico Marcial del Adalid. Aquela polifonía infantil en lingua galega produciume unha emoción incontrolable que era simultaneamente paisaxe, lingua e historia, pero tamén pasado e futuro nun mesmo instante. Vin que era parte dunha patria viva pero ocultada e decidín dedicar a ela a miña vida. E, en chegando á pousada, escribín os meus primeiros versos, que me saíron en galego sen pensalo. E san Miguel dixo: Así que o camiño de Oleiros foi o teu camiño de Damasco. Ben, pois esa emoción xuvenil vai selo contrapeso da romana e agora ela dirá se cumpriches ese compromiso patriótico.
Nº 367
132