168
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
res gallegos (nas bases da subscrición lemos que se publicaba por entregas de 16 páxinas e que estas, unhas 30 ou 40, formarían un volume de preto de 800 páxinas). Incorpora este, á parte das biografías e da obra de cada autor, unha breve aproximación á historia da imprenta en Galicia e unha antoloxía. Trátase dun proxecto inacabado de obracompendio e dun fito fundacional no noso sistema literario. O corpo do diccionario interrómpese en Freyre Castrillón e contén, por orde alfabética, unha relación de 206 escritores, dos que se ofrecen datos relativos ó seu lugar de nacemento, profesión e obra. Segundo esta lista hai que concluír que Murguía está considerando implicitamente literatura galega todo tipo de obra impresa (e mesmo algunha manuscrita), escrita por persoas nacidas dentro dos límites xeográficos da Galicia do momento. Así, atopamos unha chea de xéneros que denuncian un concepto culturalista da literatura: sermóns, catecismos, bularios, vidas de santos, oracións fúnebres, poesía, novela, contos fantásticos e morais, ensaios, comedias, dramas, traxedias, autos sacramentais, diálogos, fábulas, lendas, cartas, crónicas, relacións, memorias, libros de privilexios e doazóns, xenealoxías, memoriais (preitos), manifestos, ordenanzas, tratados e manuais de distintas materias, libros de viaxe, discursos, teses de doutoramento, folletos e follas voantes... incluso traduccións ó galego, etc., sendo escasas as obras escritas na lingua do país, o que se debe, en primeiro lugar, a que como consecuencia da época temperá na que se publica esta obra, aínda non se consolidara o renacemento literario, e en segundo lugar debido ó feito de ser un diccionario de escritores, o que obrigaba a incluír nel a toda aquela persoa que publicara calquera tipo de obra escrita, e estas, maiormente, estaban en castelán. Respecto da natureza do traballo, Murguía mestura o labor recompilador e bibliográfico ?máis propio dun diccionario de autores? co traballo crítico, se ben nesta última faceta declara que non pensa censurar autores vivos. Por outra parte, o Patriarca dá abundantes datos e explicacións do proceso de elaboración da súa obra: fontes consultadas, estado anterior dos estudios bibliográficos, criterios empregados, problemas da investigación, listas de impresores, noticias sobre a imprenta en Galicia, etc. Así, aludirá á falta de estudios bibliográficos, afirmando que antes de Verea y Aguiar non se fixera nada neste sentido e que o devandito autor se limitara no seu primeiro tomo da His