MANUEL MURGUÍA
167
alcanzase la total posesión de su yo. (...) el renacimiento, el uso del idioma gallego acompañó dichosamente al de nuestra poesía?. Isto explica que entregase a súa vida á defensa das aptitudes do galego para a creación literaria e que fixese varios chamamentos e reflexións sobre a necesidade de adecuala lingua para o seu uso como instrumento literario, sobre a tarefa urxente de creación dunha gramática e dun diccionario, o proceso de depuración ó que habería que sometelo idioma co fin de facelo apto para a producción literaria, etc. A visión que Murguía ten da literatura galega, e que en certa medida xa se ve reflectida no Diccionario de escritores gallegos, é unha visión por etapas, na que podemos distinguir catro estadios: 1) Unha primeira etapa na que o carácter galego da nosa literatura estaría fundamentado en certas calidades inherentes á obra literaria, tales como a presencia do sentimento, do vago, melancólico, etc. E sempre que se tratasen nas obras literarias temas propios do noso ámbito cultural, temas nacionais, como episodios da nosa historia, da nosa cultura, costumes e tradicións, etc. 2) Unha segunda etapa na que a literatura galega ten que escribirse ?en galego?, e que neste primeiro momento se centra na lírica como único ámbito de cultivo, ampliándose axiña ós xéneros costumistas... Seguiríase tratando unha temática nacional. 3) Unha etapa posterior (cunha literatura que aínda estaría dentro dunha temática galega), na que esta se estende ós xéneros narrativos e á prosa non ficcional, e no eido da lírica pasaríase dunha poesía obxectiva a unha poesía subxectiva... co cal o galego xa se podería considerar como lingua de cultura. 4) Unha última etapa na que a literatura galega tamén se estendería ó tratamento de temas foráneos, propios doutras nacións e culturas. Polo que atinxe á obra que estamos analizando, non podemos rexistrar, polas razóns xa aludidas, máis que as dúas primeiras etapas. O CORPO DO DICCIONARIO A obra na que Murguía pretendía abordar en profundidade o proxecto de realizar unha completa historia da literatura galega é o Diccionario de escrito