Vida oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
? Seminario de Onomástica, creado en 2001. Director: D. Antón Santamarina Fernández. Financiamento: Real Academia Galega. Traballos desenvoltos: Esta Comisión elaborou numerosos informes solicitados por institucións xurídicas e particulares, referidos, os máis deles, a establecer a forma galega correcta dun nome ou dun apelido, entre os que figuran: Adai, Alexandre, Arto, Iago, Irea, Iria, Loaira, Lúa, Morás, Núñez, Tellada, Xiao, Xurxo e Yanes. II. Sección de Historia, creada en 1998. Director: D. Xosé Ramón Barreiro Fernández. Financiamento: Parlamento de Galicia e Real Academia Galega. Traballos desenvoltos: Esgotada a primeira edición da obra Parlamentarios de Galicia. Biografía de Senadores e Deputados, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega acordaron facer unha segunda edición, obra que con importantes modificacións xa está á venda. O profesor Barreiro Fernández, coordinador xeral deste proxecto, e os doutores Beatriz López Morán e Xosé Luís Mínguez Goyanes van acometer a ampliación deste proxecto facéndoo extensivo ao resto dos parlamentarios do Estado. No ano 2005 publicouse coa colección Galicia Viva da Fundación Barrié de la Maza o segundo tomo da obra Cartas a Murguía II, que abarcaba a correspondencia pasiva de Murguía entre os anos 18691885. O tomo denominado Cartas a Murguía III (18861923), a cargo do profesor Barreiro Fernández e de Xosé L. Axeitos está a punto de saír do prelo, completando deste xeito a correspondencia pasiva de Murguía. Os mesmos investigadores están a traballar xa no tomo final, a correspondencia activa do Patriarca. III. Sección de Literatura, creada en 1998. Director: D. Xesús Alonso Montero. Financiamento: Real Academia Galega. Traballos desenvoltos: A colección Letras da Academia verá incrementados os seus fondos editoriais con dous novos títulos: unha coidada edición a cargo da profesora Saurin de la Iglesia da poesía de Antonio de la Iglesia. Deste xeito quere a Academia corresponder á confianza dos herdeiros deste ilustre galeguista que depositaron importantes fondos documentais na Real Academia Galega. A profesora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda está a reunir a moi dispersa correspondencia epistolar de Curros Enríquez co obxectivo de publicala na mesma colección da nosa institución. Será un magnífico anticipo celebratorio do centenario do traslado dos restos de Curros Enríquez á Coruña acaecido o 31 de marzo de 1908. Nesta mesma colección sairá tamén a obra que está chamada a ser un grande acontecemento editorial: a biografía do primeiro presidente da institución, D. Manuel Murguía. Está a cargo do profesor Barreiro Fernández, que manexou as máis variadas fontes documentais, inéditas na súa maior parte.
299 Nº 368