Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
co da lingua galega), que quizais resultasen ser os restos da lingua ?antiquisima? dos primeiros habitantes de Galicia. Xa contra finais da súa vida, no derradeiro traballo lingüístico o Discurso apologético sobre Etimologías, identificou algúns deses nomes moi antigos que el coidaba de procedencia oriental, a partir dos cales supuxo que as primitivas xentes do país foran os exipciocananeos que entraran na Península Ibérica dirixidos por Hércules Libio e que co tempo se desprazaran ata territorio galego. Ata aquí chegaba a prudencia de Sarmiento. Unha postura en verdade moderada se a comparamos coa España Primitiva (1738) de Francisco Xavier de la Huerta y Vega, co seu listado de reis fabulosos e as andrómenas acerca da Atlántida; ou con Galicia Reyno de Christo Sacramentado (1750) do xesuíta Paschasio de Seguín, quen seguía fiel aos relatos sobre os poboamentos en Galicia de Noé, Gomer e Túbal. Polo demais, Sarmiento esmagou co desprezo do silencio aos monarcas míticos de Galicia que foran habituais na historiografía do XVII Hércules e Xerión, Brigo, Gatelo asemade se mantivo sempre como un teimudo e enérxico inimigo das fábulas de Annio de Viterbo e dos ?falsos cronicóns? que inzaran nas Historias de España a centuria precedente, e que nos días de Sarmiento aínda facían notar os seus efectos. De aí que criticase con dureza a Huerta por argallar a España Primitiva a partir da falsa crónica de ?Pedro Cesaraugustano?, forxada por Joseph Pellicer de Ossau. Gregos Outro motivo de desacordo con Huerta era que este negara que os gregos Teucro, Amphiloco, Diomedes, e as súas xentes se tivesen establecido en Galicia e fundado varios lugares de poboación. Defendendo esta opinión negativa, Huerta camiñaba ás avesas do resto dos autores que viñan escribindo sobre as antigüidades de Galicia dende finais do século XV, e mesmo se puña na contra de autores antigos como Estrabón, Plinio ou Xustino, que falaran da chegada daqueles heroes helénicos ás costas galegas. Neste caso Sarmiento saíu en defensa da tradición historiográfica maioritaria, que situaba en Galicia varias colonias gregas, non porque se fiase dos anticuarios que o precederan que non o facía, senón porque coidaba que para apoiala había noticias aceptables que foran transmitidas polas fontes clásicas. Na súa opinión, os gregos viñeran a Galicia despois da guerra de Troia (que rematara no ano 1180 antes do nacemento de Cristo). Os seus poboamentos, que estaban constituídos por xentes como os Cilenos, os Grovios ou os Helenos (pobos da Gallæcia citados polos escritores grecoromanos), localizáronse nas rexións meridionais, nomeadamente nas partes costeiras entre as rías de Padrón e de Vigo. Ademais, o propio Diomedes fundou Tyde, actual Tui, e Teucro a antiga Helenes, hoxe Pontevedra, a cidade onde Sarmiento pasara os anos da infancia. Datos lingüísticos viñan confirmar o que dixeran os escritores da Antigüidade. Antes da conquista romana falábase no actual territorio galego a lingua grega, ou varios dos seus dialectos, por mor dos diversos asentamentos helénicos salferidos polo sur do país.
149 Nº 363