BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Vestixios da mesma ficaban aínda na toponimia antiga e moderna: as illas Cassitérides, do grego kassiteros, estaño; a cidade de Lambriaca, de lampra, nobreza ou dignidade... Mesmo o idioma galego actual, por máis que derivase directamente do latín, amosaba no léxico e na fonética testemuños nidios do influxo helénico: a verba ?peirao?, en relación á cal Sarmiento especulaba acerca dunha procedencia a partir de Pireo, o porto de Atenas; a grande abundancia de ditongos na lingua galega (ou, ao, oi, ei...), semellantes aos ditongos gregos; ou a distinción entre vocais abertas e pechadas (e, o), que era común no galego e nas falas dos helenos. Sendo os galegos dende sempre tan teimudos á hora de conservaren costumes e crenzas razoaba no Discurso apologético non era de abraiar que no seu falar aínda perdurasen as ?reliquias? dos ?antiquísimos griegos?. Aínda así, Sarmiento non se esforzaba moito por procurar etimoloxías helénicas nin outras probas, como as arqueolóxicas que demostrasen o ben fundado da súas opinións fronte ao escepticismo de Huerta. Co apoio das fontes clásicas e duns poucos testemuños lingüísticos el facía da presencia grega en Galicia un dos esteos centrais das antigüidades galegas. Sen dúbida, na defensa da mesma fronte a Huerta podemos albiscar o amor de Sarmiento pola súa terra de orixe, e moi especialmente pola Pontevedra familiar, á cal non dubidaba en dotar dunha orixe antiga e de prestixio (a Helenes fundada polo heroe Teucro). Fenicios e cartaxineses Tampouco non dubidaba en aceptar a presencia de fenicios e de cartaxineses nas costas galegas durante os tempos antigos, contemporáneos cos gregos e cos celtas. El coidaba que as xentes de Fenicia e de Cartago a miúdo navegaran ata as nosas costas na procura da riqueza dos metais galaicos (especialmente o estaño) que se agochaban no interior do país, e que os arteiros mercadores orientais obtiñan mediante o troco cos indíxenas a cambio de quincalla e doutros obxectos de escaso valor. Mais unha vez, os autores da Antigüidade clásica que escribiran sobre a Gallæcia fornecían a Sarmiento dun punto de apoio para defender a realidade histórica das actividades comerciais destes dous pobos navegantes nas augas de Galicia. E de novo el cría atopar probas lingüísticas que confirmaban os textos antigos. Así, inspirándose nas etimoloxías feniciohebreas do francés Samuel Bochart quen no século XVII escribira os dous grosos volumes da Geographia Sacra para demostrar que o espallamento dos descendentes de Noé por toda Europa, e posteriormente o dos fenicios, podían probarse gracias ás pegadas que as linguas hebrea e fenicia deixaran en todas as terras do continente, o bieito galego tamén esculcou en busca de verbas feniciopúnicas na toponimia galega. E atopounas: a illa de Ons, antiga Aunios, nome que derivaba do púnico aunac (que Bochart interpretara como ?estaño?, o que se axeitaba ben as conxecturas de Sarmiento acerca das actividades comerciais dos mercadores do Mediterráneo); Belón, nome antigo do río Limia e semellante ao do río Belo ou Belón da Fenicia; o nome das
Nº 363 150