Exposición
NO PASAR DOS DÍAS A forza da palabra Salvador GarcíaBodaño Acabo de deixar aquí á miña beira, sobre da mesa de traballo, o catálogo ?excelente? da notábel exposición Galicia, a forza da palabra, organizada co gallo do Centenario da Real Academia Galega na sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia. Non me foi posíbel ir vela co vagar necesario, por iso que a coidada publicación que agora obra no meu poder ten para min unha marcada importancia. Nas primeiras horas da mañá estiven a ler nel e a ollar as numerosas fotografías (de senlleiras figuras da nosa cultura, de documentos e textos manuscritos, de portadas de libros e de páxinas interiores, de obxectos persoais, de varia cartografía da nosa patria, das primeiras bandeiras e escudos, etc). Sempre insisto en que as exposicións excepcionais deben contar con densos e elaborados catálogos que eviten que o traballo e as achegas expositivas esvaezan no esquecemento e todo remate por se converter nun feito cultural efémero. Nesta ocasión podemos dicir que a exposición se prolongará no tempo dende o volume impreso no que se recolle a súa estrutura e unha ampla información do seu contido. En certa maneira é como ter gardada nun andel da biblioteca a mostra que se exhibe no edificio construído no número 21 do Cantón Grande, obra do arquitecto británico Nicholas Grimshaw e inaugurado este mesmo ano. No libro da exposición Galicia, a forza da palabra contéñense dous textos que iluminan aspectos complementarios: un, as raíces identitarias que conformaron o noso proceso nacional; e, o outro, a lingua e a literatura como expresión do noso ser no mundo. Dentro do primeiro, inscríbese o maxistral compendio 'Os sinais da nosa identidade histórica', da autoría de Xosé Ramón Barreiro Fernández, que nos explica á luz da modernidade as falacias que se teñen divulgado sobre Galicia e os avatares do noso destino, conforme ao índice que considero oportuno subliñar: Parte
Nº 368
148