BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
nión, o incremento demográfico é, se acaso, un síntoma ou unha consecuencia, pero non unha causa do crecemento económico e do benestar social: o desenvolvemento da agricultura produce un aumento da poboación, pero non ó contrario (Dopico, 1978). Por outra banda, cómpre salientar que as investigacións históricas actuais non confirman ese suposto abandono dos campos; pola contra, e malia non existiren cifras que o demostren, certas apreciacións de carácter cualitativo permiten afirmar que durante o Setecentos tendeu a aumentar a superficie cultivada e, xa que logo, as cantidades recolleitas dos distintos productos agrícolas. Así, é de supoñer que o aumento da poboación urbana fose paralelo a unha maior demanda de productos agrícolas, o que provocaría un incremento dos seus prezos que debeu servir de estímulo á actividade agrícola, en particular na segunda metade da centuria. Con todo, non era infrecuente que circunstancias climáticas adversas provocasen malas colleitas, coas conseguintes crises de subsistencia e carestías que desataban protestas e alteracións da orde en vilas e cidades. O primeiro episodio de fame e peste no Dezaoito tivo lugar en 170910 e foi seguido doutros cataclismos semellantes en 174647, 176364, 176869, 1784 e 1797; sen dúbida, o de maior gravidade foi a escaseza de 176869, de tan funestas consecuencias que forzou o espallamento do cultivo da pataca en Galicia (Anes, 1969, 1975, 1997; Domínguez Ortiz, 1976; Dopico, 1978). Sexa como fose, a diminución da poboación rural era un problema que certamente se percibía con inquietude desde a Corte de Carlos III, en particular no tocante ó éxodo de galegos a terras portuguesas. Así o testemuña un informe do marqués de Croix, Capitán Xeral do Reino de Galicia, e o dictame de Campomanes sobre este mesmo informe, documentos datados en 1763 e 1764, respectivamente. Do mesmo xeito, Sarmiento deixou constancia escrita da súa pesadume pola atonía demográfica de Galicia, como resultado das observacións feitas durante as viaxes por esta rexión realizadas en 1725, 174546 e 175455, decatándose de que a conxunción de celibato e emigración constitúe o principal regulador demográfico nese momento e constatando unha maior incidencia do despoboamento nas terras do interior pola súa proximidade a Portugal e a Castela. Así mesmo, nas cartas que lle envía ó seu irmán Francisco Xavier en 1747 e 1748 faise eco da inusitada proporción de solteiría feminina como consecuencia da intensa emigración masculina, cifrando en corenta e cinco mil os galegos residentes en Lisboa. E noutra misiva que remitiu en 1750 ó xesuíta Francisco de Rávago, confesor do rei, amosa tamén o seu desacougo pola constante diminución da poboación rural e o conseguinte abandono dos cultivos, co desexo de que esa preocupación fose compartida polos que daquela dirixían ou alentaban a política da monarquía. A existencia da emigración constitúe un indicador bastante preciso dunha estructura socioeconómica desaxustada, polo que este fenómeno demográfico reclamou a atención dos ilustrados que apostaban por un ideario reformista. Concorrente con esta preocupación, o frade bieito tamén dá conta do inicio dun fluxo migratorio de galegos cara
Nº 363 180