Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
que se realizou ese reconto, en Galicia debían vivir entre 1,3 e 1,4 millóns de persoas. Todo parece indicar, xa que logo, que a poboación española aumentou considerablemente durante o Setecentos, e que Galicia viu incrementar os seus efectivos demográficos durante ese período nunha proporción superior á media do conxunto español (Anes, 1975). Por iso, cando Frei Martín reflexiona sobre o problema demográfico e fala indistintamente de decadencia da poboación, despoboamento ou atraso da poboación, temos que entender estas expresións, non no senso de diminución demográfica, senón na perspectiva dun crecemento insuficiente para as necesidades e posibilidades do país, debilidade que atribúe a unha combinación de causas: o excesivo número de solteiros, a falta de medios económicos para alimentar unha prole abundante, a infecundidade matrimonial e a existencia de morgados, fórmula hereditaria de orixe medieval que no Setecentos acadou a súa máxima extensión (Domínguez Ortiz, 1976) e contra a que Sarmiento, ó igual que o cóengo lugués Juan Francisco de Castro (Dopico, 1978), carga as tintas con singular vehemencia pola súa negativa incidencia na nupcialidade. Ademais, dado que o fillo maior (vinculeiro) é o herdeiro de todos os bens, os restantes descendentes son persuadidos para que opten polo celibato, de maneira que a Igrexa acaba sendo cómplice do morgado para provocar o estancamento da poboación. As ideas mercantilistas, dominantes no eido da teorización política e económica sobre todo desde que JeanBaptiste Colbert as desenvolvera no século XVII, consideraban que o fundamento da prosperidade pública e do poder do Estado radicaba na existencia dunha poboación numerosa e industriosa. Comunmente aceptado este principio, non debe estrañarnos que se intentase explicar a ?decadencia? de España acudindo a un suposto estancamento ou mesmo diminución demográfica e que o incremento poboacional constituíse un dos obxectivos prioritarios dos reformadores ó longo do século. Neste sentido, cando Sarmiento critica ós titulares dos morgados e se posiciona, con matices, a prol duns efectivos demográficos abundantes, parece decantarse claramente polas tendencias mercantilistas propias dese período histórico: unha poboación densa favorece o relanzamento da actividade comercial e da producción industrial, consideradas como servicio á monarquía dada a súa contribución ó incremento dos recursos da Facenda Real a través dos impostos indirectos. De todos os xeitos, aínda que Frei Martín non esquece a importancia do comercio e da industria na actividade económica do país, enfatiza repetidamente a asociación entre poboación e agricultura, á vez que insiste nos prexuízos ocasionados polo despoboamento das áreas rurais, queixa habitual nos economistas do Século das Luces. Neste sentido, o discurso antiurbano do ilustre bieito critica a acumulación de xente desocupada e inútil nas cidades máis populosas, co conseguinte atraso da actividade agrícola, base do sistema económico. Sarmiento non pode ser considerado, desde logo, un malthusianista, pero tampouco un populacionista en toda a amplitude do termo, dado que, na súa opi179 Nº 363