BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Outras reflexións xeográficas do Padre Sarmiento: as relacións entre demografía e economía Entre os anos 1762 e 1766, Sarmiento afánase en compoñer, a petición dos seus superiores, unha monumental Obra de seiscientos sesenta pliegos, que trata de Historia Natural y de todo género de erudición con motivo de un papel, que parece que se había publicado por los abogados de La Coruña, contra los foros y tierras que poseen en Galicia los Benedictinos, que se atopa na madrileña Real Academia da Historia (os catro primeiros volumes) e no Museo Provincial de Pontevedra (o quinto e último tomo), todos eles pertencentes á Colección Medina Sidonia. Neste traballo podemos atopar dúas vertentes ben diferenciadas: unha de carácter negativo, na que Frei Martín trata de defender a súa orde e demostrar as falsidades contidas nun escrito dos avogados coruñeses no que se responsabilizaba do atraso de Galicia á orde bieita, dona e señora da metade do reino, ó tempo que denuncia implacablemente os abusos da administración pública; e outra de sentido positivo, onde se estende sobre os remedios e maneiras de restablecer a prosperidade económica no país. Aínda aceptando a súa non neutralidade nas argumentacións que utiliza, é de xustiza recoñecer que a crítica sarmentiana chega tamén á propia orde benedictina, por ter abdicado dos seus dereitos e permitir a ocupación de postos claves por abades estraños a Galicia, totalmente despreocupados da miseria dos campesiños (Pensado, 1995). A Obra de seiscientos sesenta pliegos contén suficientes referencias para pescudar o interese do monxe erudito polas relacións entre demografía e economía, en particular as súas ideas sobre o despoboamento de España e os medios para promover a agricultura. Despois de denunciar a voracidade dos señores que intentan converter en perpetuos os arrendamentos ou ?foros? feitos por tres xeracións, declara que os labradores pobres están menos oprimidos polos mosteiros que polos ociosos foreiros; por conseguinte, son os abusos sufridos polos labradores os que os desaniman e os empuxan a fuxir da labranza, bloqueando o progreso da agricultura en España. Relacionando éxodo rural e decadencia da actividade agrícola, Frei Martín aproveita a ocasión para denunciar os elementos sociais que se benefician do atraso do país e se opoñen ás reformas que poderían ser contrarias ós seus intereses. Jerónimo de Uztáriz, en Theórica y práctica de comercio y de marina (1724), utilizou como fonte demográfica o Vecindario de Campoflorido, correspondente ós anos 17121717. De acordo cos datos elaborados por Uztáriz, anticuados e pouco fiables, Feijoo aceptaba unha cuantificación de 7,5 millóns de habitantes para a poboación española. En cambio, o Padre Sarmiento, usando a reedición de 1757 da obra de Uztáriz, distánciase da apreciación do seu compañeiro de hábito e eleva esa cifra ata os 9,5 ou 10 millóns de persoas, razoablemente inferior ós 10,4 millóns de habitantes que proporciona o Censo de Floridablanca (1787), quizais o máis fidedigno dos realizados durante o século XVIII. Pola súa banda, Saavedra e Villares (1985) estiman que, no momento en
Nº 363 178