Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Este entusiasmo de Sarmiento polos saberes populares levarao a caer nalgúns excesos, como o foi admitir como certas determinadas prácticas que tiñan máis que ver coa maxia e as supersticións que cun saber médico popular ben establecido e contrastado pola evidencia experimental (?llenese una vexiga de Puerco de la orina del paciente, y cuelguese en lo alto de una chimenea, o horno, en altura de sos estados, y al tiempo que se seca la vexiga, se seca el mal? (Obra de 660 pliegos, 1762 e sgts.) A Historia Natural, unha afección tardía E como aconteceu coa medicina, non poucos dos seus escritos estaban dedicados a protestar pola cativa importancia que se lles dedicaba ós estudios de historia natural en España e a denuncialo atraso no que se atopaba en relación co resto das nacións europeas:
Si los demás españoles o desprecian o censuran la Historia Natural para ser únicos en Europa, yo no quiero ser de esos españoles ni tan ignorante como ellos ¡Que lástima que fray Sarmiento haya dado a la vejez en la mania de leer libros de Historia Natural y Botánica¡ (Epistolario, carta 161. 1760) 30
A formación en historia natural de Sarmiento tivo claramente dúas orixes principais. En primeiro lugar, as lecturas dunha extraordinariamente ben nutrida biblioteca, onde se atopaba non só o fundamental da literatura científica europea, se non que, nalgúns casos particulares, se recollía practicamente todo o publicado sobre un tema particular, como ocorría por exemplo coas diferentes edicións e versións que dispoñía do Dioscórides. E mesmo, autores problemáticos desde o punto de vista da censura eclesiástica, pero esenciais desde o científico, como era o caso de Buffon, non lle eran descoñecidos ó benedictino. A outra fonte de coñecementos proviña dun trato directo co mundo natural, alimentado fundamentalmente da experiencia que viviu nas dúas últimas viaxes a Galicia (1745 e 1754) e nas que Sarmiento realizou moitas e ben atinadas observacións e comentarios, relacionados, sobre todo, co mundo vexetal e, en menor medida, co mineral e animal. Esta experiencia directa da natureza, completada con algúns pequenos ensaios feitos na cela do convento de San Martín en Madrid, é un feito moi salientable, pois pon en relación esta faceta da obra de Sarmiento, a de collelos datos directamente da natureza, coa dos grandes naturalistas españois do século XVIII. Finalmente, pero en bastante menor medida, existiu outra fonte de coñecementos que constituía unha sorte de miscelánea, ou totum revolutum, procedente das súas variadas e numerosas relacións persoais. Nelas mesturábanse achegas tanto de noticias coma de obxectos naturais (herbarios, coleccións minerais, animais disecados, etc.) que lle podían vir de calquera parte de España, pero das que conviña salientar, polo interese que tiveron para Galicia, sobre todo no eido da pesca, as que mantivo co seu irmán Francisco Xabier.
53 Nº 363