BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
A botánica española da época tiña como característica fundamental a da orientación aplicada dos seus estudios, tal como o xustificaba Xosé Quer na dedicatoria a Carlos III da Flora Española:
Los vegetales tienen sus sólidos beneficios a muchos visos: o sirven de alimento, y regalo, o de medicamentos simples para la salud humana, y aun para los irracionales; o para tejidos de vestiduras y adornos; o para las fabricas o manufacturas de cajas, navios y puentes; o para tintes y colores, o para pastos de ganado mayor y menor; aves o para la llumbre, y el grande fuego que piden algunas fabricas; o para muchos usos económicos; y finalmente, si se cultivan, y multiplican, podran servir para el comercio.
A outra gran liña de investigación e traballo en España era a sistemática vexetal da que emerxía como líder indiscutible Linneo. E aínda que, cos criterios de hoxe, estas dúas liñas se poderían compaxinar perfectamente, no século XVIII chegaron a enfrontarse abertamente, sobre todo a partir das posicións adoptadas pola poderosa escola de naturalistas franceses, encabezada por Tournefort e Buffon. En España, durante todo o século XVIII, a botánica foi decididamente aplicada como amosa a obra dos primeiros directores do Real Jardin Botánico de Madrid: Quer, Barnades e Gómez Ortega. Este último, home de grande influencia na corte borbónica, emprendeu un labor fundamental de institucionalización da botánica, sobre todo nas aplicacións farmacolóxicas, que servirían para reforzalo carácter científico e técnico do Protomedicato fronte ós intereses gremialistas dos boticarios (Puerto, F.J.,1988)31. A botánica que practicou Sarmiento atopábase en perfecta sintonía con esta orientación aplicada, sobre todo, no relativo ós usos farmacolóxicos, podéndose achegar numerosos exemplos da fe cega que amosaba cara ós remedios curativos vexetais, como os casos ben coñecidos, e xa citados, da carqueixa, seixebra, macela, bidueiro, etc. E para os casos de utilidade industrial pódense citalos traballos sobre as plantas 'Kali' e 'Barrilla', cun posible emprego para a fabricación do xabón. En paralelo con esta revalorización dos medicamentos naturais, nace en Sarmiento a preocupación pola medicina popular, onde se atesouraban moitas prácticas tradicionais que había que rescatar para xeral coñecemento e uso delas, pero sobre todo, para que os máis necesitados tiveran remedios baratos e alcanzables:
Probaré que en sola esta planta ? a Seixebra ? tendrán los pobres una Botica entera, sin costarles un maravedía (carta dirigida a Frei Millán, 1759)32
Defendeu, con claridade, a necesidade do coñecemento do galego para realizalos inventarios botánicos, nas descricións dáballela mesma importancia ás características morfolóxicas que ás aplicacións que se tiraban delas e no relativo ós nomes científicos, estes sempre viñan acompañados polos nomes de uso popular, polo que, segundo Izco, X.33:
Nº 363 54