Estudos e investigacións sobre María Mariño
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Aire quedo e tembrando. Chove perto, chove lonxe. (Mariño 2006: 98)
A chuvia pois, é outro centro de accesión á éxtase, auga que se apropia da ollada para non deixala ir, a chuvia concentra as miradas nela mesma, dinos María Mariño que é ?dona da ollada? (Mariño 2006: 99). Señora do tempo mínimo e constante da pingoada, a chuvia representa igualmente o transcorrer dunha vida e o retorno eterno, que ten na poeta ?o seu reprexo?: poetarecolectora da auga que vén do ceo, da gota verbal espermática, que contén o xene da existencia libre e o misterio da poesía, ese ?mar sin ondas?:
1 Pinga, pinga hoxe a chuvia. En min ten o seu reprexo. O sol que o vai menguando olla ben o que eu non vexo. 2 Mares hai sin ondas neles e hai teitos sin niadas. Eles teñen o que ven i outros teñen sin olladas. (Mariño 2006: 117)
Mais María Mariño ten a experiencia non só contemplativa senón a unitiva. E así nolo deixa ver nalgún dos poemas de Palabra no tempo, onde a fusión e confusión coa gota de chuvia dá paso a unha nova existencia liberada no xogo da encarnación. A antiga nena regresa agora convertida nunha pingoada que xoga a pillar co Sol, que rola polos campos e camiños coma polo ?retorno?. Así María Mariño, convertida a poeta en auga que esvara e se desliza non atopa apenas obstáculo na súa carreira tola e desbocada, desvelándonos deste modo a súa verdadeira natureza de ?tola soñando?. Pasa todo por ela e ela pasa por todo. Pois a natureza crúzaa de parte a parte, e deste xeito pode ela, co tremendo poder poético que a asiste, cruzar o mar desde o fondo, desde a súa pequena casa nun monte do Courel, perdida para o mundo, encontrada para si mesma. Libre para dicir e sentirse reconfortada e realizada na súa plena contradición, na imposibilidade lingüística. Unha poeta que vai rolando ladeira abaixo é xa unha voz imparable:
12 Eu non sei quen manda hoxe que fixo de min pingoada. Vou rolando, no me teño, no me pilla o Sol, no me ergue a nebra, rolo, rolo, rolo por pulo, rolo por retornos e por pisadas vellas. Atrancóuseme no paso unha migalla de aurora.
95
Nº 368