BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
todo o que hai? (Mariño 2006: 116), sabendo que probablemente non obterá resposta ou unha escura intuición pode gurgullarlle dentro en forma de contestación, pois María Mariño escoita a voz da materia como escoita o silencio das cousas que sobe mesmo á superficie dela, é dicir, á experiencia creadora:
O silencio das cousas, hoxe, aboia, aboia en min. Remos navegan terra ó lonxe, volvendo as augas cara min. (Mariño 2006: 119)
O gusto polo silencio marca tamén algunhas das prosas de Más allá del tiempo. María Mariño consegue levarnos a un instante primordial dunha creación intocada, absorta en si mesma, onde cada cousa garda silencio na súa total completude, e ese silencio é un silencio extático, unha respiración contida, o pulmón do mundo que se detén un intre porque é en si mesmo todo osíxeno. O silencio do Courel de María Mariño é un silencio sacro, é unha voz inaudible que vén do principio dos tempos e vai máis aló do tempo. Pois o Courel ten exactamente o ton do silencio poético:
!Todo calla! Calla todo como queriendo escuchar la voz del silencio, frase íntima de la naturaleza. (...) ¡La tarde parece extasiada en el monótono silencio! La piedra gris que enzarza la cumbre ha adquirido otro color más oscuro. ¡Nadie camina! ¡Nada se oye! El mundo del sendero calla y teje en su refugio. Hasta los pájaros parecen haberse quedado dormidos. Sólo el cuco marca en esta bella soledad su viejo acento de cuando en cuando. (Mariño 2007: 104105)
A profunda escoita mariñá é creadora de estampas ancoradas nunha atemporalidade que constitúe non obstante o cerne da vida. O segredo destas voces naturais espreita a tensión poética da autora, ela escribe desde a sospeita, desde a sabedoría de quen admite o seu descoñecemento e se abre como abren as sombras as ás na carballeira, alí onde zoa ?algo que non é o vento.? (Mariño 2006:75). Nese camiño vital de escoita e alerta, o tempo pasa por María Mariño trastornado cara a atrás a cara a adiante, ás veces cun certo ?mirar dun antonte?. A poética do intre en María Mariño é unha poética da contención contante e do desbordamento incontible, pois nela multiplícanse os cantos, as luces, os olores, a serena e rotunda sensualidade do existente; polos seus versos cruzan labregos eternos, o ar detense e a chuvia chóvese a si mesma desde o principio ao final dos tempos:
Arrecenden os sendeiros nas agras zoan as fontes. Labrego afala ó seu gado. Mide o tempo a súa ponte.
Nº 368
94