Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
(Los tipos de casas en la Península Ibérica, 1941); e sobre os hórreos, os autores López Soler (Los hórreos gallegos, 1931), W. Carlé (Los hórreos en el Noroeste de la Península Ibérica, 1948), e R. Prachi (Gli hórreos della Galizia Spagnola, 1952). AS CONSTRUCIÓNS POPULARES NO TEXTO ETNOGRÁFICO DE 1962 En Etnografía. Cultura material, estruturada como xa se dixo en cinco capítulos de desigual extensión, Xaquín Lorenzo fai unha detallada descrición obxectiva de todas as construcións que figuran neles. Ao longo das súas 743 páxinas vai debullando, atendendo aos criterios que se fixara, e no lugar correspondente, as diferentes realizacións construtivas que abranguen a denominada arquitectura popular. Non tenta facer clasificación de ningún tipo, e xa ben claro o di no Limiar cando manifesta que tivo que traballar sen contar con precedentes que o puideran axudar. É mágoa que non tivera incluído unha bibliografía nun texto tan completo, xa que iso desvelaríanos algunhas das poucas fontes existentes que empregou. Por citas que fai, si sabemos que no que atinxe aos hórreos acudiu aos seus primeiros investigadores, como Frankowski ou López Soler, e a Bouza Brey cando se refire aos muíños de vento. Posiblemente tivo en conta os traballos de Otero Pedrayo sobre xeografía e poboamento, así como os doutros autores, tal como se deduce das citas a pé de páxina que inclúe na publicación do ano 1943, A casa rural na Limia Baixa: Ángel del Castillo, Vicente Risco, Torres Balbás, García Mercadal, F. Krüger e algún dos seus discípulos da escola de Hamburgo ?Wörter und Sachen? (Palabras e Cousas), como W. Schroeder, ou o xeógrafo portugués Amorín Girâo. CONTIDO DO CAPÍTULO I, A CASA O capítulo I de Etnografía. Cultura material, está integramente dedicado ao estudo da casa, nunha extensión de 156 páxinas ?o vinte por cento do total? e 131 imaxes gráficas (59 figuras de debuxos, moitas delas con varios, e 72 fotografías). Aínda que non leva título definido, todos os estudosos concordan en consideralo como A casa, distribuído en cinco partes diferenciadas. Na primeira parte describe e sintetiza, con precisión de entomólogo cultural, a estrutura da edificación baixo os epígrafes de elementos da casa, a casa, as dependencias da casa, construccións adxetivas e construcións comunás. Este completísimo traballo iníciao, partindo dos cimentos da edificación, co estudo e detalle da parede, á que considera ?o elemento máis importante da casa?, detallando os diversos sistemas construtivos que a conforman, os vaos ou aberturas que levan, as escaleiras exteriores polas que se accede ao primeiro andar, apoios dos entramados ou divisións horizontais (pisos, corredores e solainas), pavimentos nos espazos inferiores da casavivenda, peches dos vaos (portas, contraventáns, vidreiras e cancelas), pisos, corredores e montantes no primeiro andar, o tellado ??un dos máis importantes ?di? elementos da casa é a cuberta??, coa armadura que a substenta e a cuberta final, a cheminea e as ferraxes.
17 Nº 365