BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
Na segunda parte expón os antecedentes da casa actual e a casa actual. Dentro dunha evolución morfolóxica dela, que vai da construción menos evolucionada ata a de máis complexidade, diferencia: a cabana como a vivenda non permanente; a casa redonda ?protagonizada pola palloza á que dedica un detido estudo?; a casa rectangular térrea, como a máis primitiva desa forma; casas de tipo intermedio, nas que aparece como un adianto do primeiro andar o sobrado, presentes en toda Galicia; a casa de dous andares coas modalidades das que teñen o acceso ao primeiro andar polo exterior e das que o teñen polo interior, deténdose con minuciosidade no estudo e desenvolvemento do patamal da escaleira e a súa conformación en corredor ou solaina, así como da súa substentación, moitas veces mediante sólidos canzorros; e prosegue, para rematar, coa casa grande, o pazo, a casa á beira da estrada e a casa vilega e urbana. Nunha terceira parte, titulada As dependencias da casa rural, analiza detalladamente a distribución espacial da casa reparando nas dependencias máis comúns dela, tanto na casa rural como na vilega ou cidadá: a cociña e os cuartos, tratando demoradamente a lareira, as cortes e outras dependencias. Nunha cuarta parte aborda o estudo duns novos espazos que se acollen nas denominadas construcións adxetivas, construcións que nacen por mor de que a vida dos habitantes do agro se desenvolve en boa media fóra da casa. Di verbo disto Xaquín Lorenzo que ?A casa campesiña é máis complexa do que parez a primeira vista. Ela é a que centra en sí a vida dos homes do agro, mais esta vida desenrólase por fora e a casa conta con prolongacións que a poñen en contacto directo e íntimo coa terra que os seus habitadores traballan e da que se manteñen (?) En realidade, moitas das edificacións das que imos falar atópanse, ás veces, no interior da vivenda ou achegadas a ela; mais coma é corrente atopalas isoladas e a súa utilización, por outra parte, é independente da vida familiar, incluirémolas no grupo das que chamamos ?construccións adxetivas? (LORENZO, 1962: 108). Así dedícalle un completo estudo ás construcións seguintes: ao hórreo ou canastro (termo o de canastro que el gusta de empregar, seguramente porque así se denomina en gran parte da demarcación provincial de Ourense onde existe o hórreo), ao que considera ?a máis interesante de todas elas?, deténdose na súa orixe, elementos construtivos que o compoñen, nas formas e nomes que varían dunhas comarcas a outras, así como nos diferentes tipos en función dos materiais de que estean feitos; á eira, complemento do canastro; á adega, sobre todo as adegascova que están baixo terra; e ao forno. Aborda tamén o estudo doutras construcións como o palleiro (que é máis coñecido por palleira), o combarrizo ou alpendre, e as ?construccións prá iauga?, como os pozos ou puzos, as minas e as fontes, que teñen como función a de fornecer de auga para uso doméstico que, como as anteriores, poden ser de propiedade privada ou comunal, e, como remate, ?outras construccións adxetivas?, onde contempla as que acollen os animais como o poleiro das pitas, a albariza e o pombar.
Nº 365 18