Tribuna

Lembranza de Manuel García-Galano

O 28 de agosto do pasado ano deixábanos Manuel García Sánchez "Galano" (El Pico, A Roda, Tapia de Casarego, 1922 – Balbona, Siero, 2016), o autor máis representativo do teatro galegoasturiano. Animador de diferentes grupos musicais e teatrais, actor, director, creador de textos e tradutor, mantivo viva unha rica tradición dramática ao longo da súa vida. Moi apreciado a nivel comarcal, a súa figura empezou a coñecerse en Galicia a raíz dalgunhas noticias de prensa e televisión, da entrada que lle adicou a Gran Enciclopedia Gallega (T. XXXII, 1991) e da publicación de "Furaco mouro no ozono" na antoloxía Os contos do xílgaro. Contos galegos de Asturias, León e Zamora (1992).

García Sánchez dáse a ver como narrador con Parzamiques (1984), ao que seguirán, tempo despois, Vento d'outono (2005) e Faraguyas (2010). A súa creativa teatral, aínda que poidamos remontala a 1950, con Americano del pote e El casado casa quer, feitas en colaboración con Ramón Santamarina e Joaquín Pérez, empeza a manifestarse plenamente a partir de Cambian os tempos (1979), a primeira dunha serie de pezas, todas de carácter costumista, que acaba recollendo en Mareaxes tapiegos (1993) e Erguendo el Telón (2000). A estes dous volumes súmanse varios títulos que permanecían inéditos e que difundimos entre amigos en 2014 (Dándoye á pebida, As cuñadas, Amores tardeiros, Un médico al xeito, As voltas da vida e El bando del alcalde).

A pesar de ser natural de El Pico e de recompilar o seu léxico, con Jacinto Díaz López, no Vocabulario d'A Roda (Tapia) (1994 e 1996), utiliza a variante lingüística máis empregada na capital do concello, onde residía. A fala da localidade natal (con formas do tipo llado, llonxe; alló, valleiros; decilla, buscallo...) recupéraa no sainete As voltas da vida; segundo nos confesou (XI-2014), para dar satisfacción á mía hirmá Pepía (q. e. p. d.), que sempre me taba decindo (é verdá que en broma) "nun che esqueiza que naciche na Roda". Y, mira tu, nun vivíu abondo para poder lelo.

Membro de honor da Academia de la Llingua Asturiana (2006), na súa traxectoria literaria, por riba das propias opcións, aceptou sempre as normas ortográficas propostas desde as institucións do Principado. A pesar diso, lonxe de cenáculos e partidismos, nunca se mostrou contrario ao diálogo e a unha posible aproximación ortográfica con Galicia. Escribía ao tempo de enviarnos a segunda edición de Parzamiques (1993): Fixéronye algúa corrección dacordo con as normas que vai sacar a Consejería del Principado, que nun sei si serán as finales, pois nun se dan muito interés nin présa nel tema. Sería bueno, penso eu, que os expertos das dúas comunidades vos puxésedes dacordo pra fer algo definitivo (17-V-1993). Estas normas promovidas pola Conseyería d'Educación, Cultura, Deportes y Xuventú levarían por título Proposta de normas ortográficas y morfolóxicas del gal(l)ego asturiano (1993). Para interpretar plenamente o desexo do autor, convén recordar que tres anos antes a Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca publicara as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990), que partían das da Real Academia Galega.

Así mesmo, é importante resaltar que Manuel foi sempre moi consciente da situación que vive o galegoasturiano en todos os aspectos... Eu sigo escribindo algúa cousica que me piden d'aquí ou d'alí; algún sainete pequeno y pouco máis. Por outra parte, el interés por estas cousas aquí é mui minoritario; ás veces parece que hai algún ruido, pero son poucos os que lo fain y menos inda os que escuitan. Admito que quizais os anos convirten a un nun excéptico. Prá semana que vén xa vou pra Tapia, unde me topo miyor por aquelo de que "el corvo nace na pena y tira pra ela". A ver si el vrau nos dá a oportunidá de falar (10-VI-1997).

Na última década do XX incorpora nas obras o apelativo familiar, "Galano", que remonta ao avó materno de Manolo, que fora casar cunha moza da Casa das Galanas, unhas agraciadas tecedeiras. É tamén nesta época cando empeza a pasar máis tempo na capital asturiana, onde o acompañou sempre a señardade... Tou en Oviedo pasando el inverno cerca dos fiyos y dos netos (7-II-1992). Tou estos días en Tapia, aprovetando as vacaciois de Semana Santa, pra falar coa mía xente, que tanto boto de falta aló na capital [...]. A ver condo podemos xuntarnos pra botar un parzamique(31-III-1997). Estou esperando a que chegue el brao pra volver a Tapia y ver a mía xente d'aló y as postas de sol derriba del mar (7-V-2007). Xa tou aquí, xa tou á veira da mía xente, disfrutando da súa compañía y das postas de sol que vexo todas as tardes dende a ventá (26-VII-08). Levo tres semanas disfrutando deste mar y deste cielo, y procurarei estirar el tempo todo conto poda" (30-VII-2009).

Esas xentes, esa terra e ese mar son os que enchen as súas páxinas... Personaxes que representan comportamentos esenciais como Antonín da Calocheira, Xusto del Carrizo, Manuel de Morís, Mingo d'Alonso, Xan dos Gabiados, Petra da Moleda, Milio del Espieiro, Pepe da Payola... Ou lugares como Tapia, A Roda, A Atalaya, Casarego, El Viso, Mántaras, Salave, Suarroda, Xinzo, Abreiras, Senra das Veigas, Regato da Fonte, casas de labranza, casas de pescadores, terrazas de bares, tabernas... Pódese dicir que o tapieguismo é o trazo fundamental dos escritos de García-Galano. Desde este recordatorio, pequena homenaxe á grandeza da súa persoa, facemos votos para que o Concello de Tapia, que o nomeou fillo predilecto en 2006, cree unha aula permanente de teatro que faga perdurar a súa memoria.

Pode descargar As voltas da vida NESTA LIGAZÓN.

Xoán Babarro González
Membro correspondente da Academia