Tribuna

Pasamento de Rosario Albán

A cultura galega está de loito. O pasado día 28 de agosto faleceu na cidade de Salvador a profesora Rosario Suárez Albán, unha auténtica embaixadora cultural de Galicia no Brasil, que alentou o interese polas nosas cousas naquel país desde a Universidade Federal da Bahía, onde exerceu a docencia durante tres décadas.

Nacida accidentalmente nas illas Canarias, pois estaban alí os seus pais en tránsito para O Brasil, Rosario criouse e creceu no seo da colectividade galega de Salvador, unha comunidade numerosa, maioritariamente orixinaria das comarcas pontevedresas de Terra de Montes e o val do río Tea e arraigada desde finais do século XIX naquela capital, onde promoveu notables institucións, clubes sociais, un hospital modélico e un equipo de fútbol chamado Galícia. Rosario foi consciente desde moi nova da herdanza de galeguidade recibida. Na luminosa Bahía tropical e tropicalista dos anos cincuenta e sesenta, os vínculos coa remota aldea nos confíns de Europa constituían un factor de identidade persoal poderoso e suxestivo. Unha parte significativa das pesquisas que Rosario desenvolvería máis tarde como docente e investigadora universitaria, desde unha perspectiva máis sociolóxica nalgúns casos, noutros máis estritamente lingüística, tivo como obxecto o estudo da comunidade galega da Bahía e transloce unha conciencia emotiva da pertenza a dous mundos que ten paralelo na literatura de Nélida Piñon, outra galega do Brasil.

Rosario Albán incorporouse ao Instituto de Letras da Universidade Federal da Bahía na década de 1970. O seu traballo de mestrado, do ano 1976, dedicouno ao estudo da lingua portuguesa empregada polos galegos de Salvador. Outra das súas paixóns foi a literatura oral popular e a supervivencia do romanceiro hispánico na tradición oral brasileira.

Na Universidade Federal da Bahía e na cidade de Salvador, desde a década de 1980 desenvolveu Rosario Albán un formidable labor de difusión da nosa cultura a través de cursos, conferencias, exposicións e representacións teatrais. En 2015, con motivo da homenaxe que lle dedicou a súa universidade, recuperouse parcialmente a filmación dunha versión de Os vellos non deben de namorarse dirixida por ela. Cando na década de 1990 comezou a colaboración coa Xunta de Galicia e a impartición de cursos de lingua, literatura e cultura galegas que desembocarían na creación do lectorado de galego naquela universidade, Rosario Albán xa tiña consolidada de facto unha escola de estudos galegos na Bahía, integrada por persoas que en moitos casos non tiñan ningunha relación de ascendencia con Galicia, como é o caso das profesoras Anna Nolasco e Fátima Santiago.

En 1995 fundou o Celga, Centro de Estudos de Lingua e Cultura Galegas, que entre outras actividades promoveu un simposio internacional en 1998. Xubilada desde 2003, a derradeira participación na vida pública de Rosario Albán foi posiblemente o VIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado en Salvador. A enfermidade foille deteriorando a saúde de maneira implacable. Cando en 2015 a súa universidade baiana lle rendeu homenaxe con motivo do vixésimo aniversario da fundación do Celga, ela non só non puido estar presente no acto senón que nin sequera chegou a ser consciente das emocións que suscitou. O mesmo aconteceu en marzo deste ano, cando a Assembleia Legislativa da Bahia a condecorou en sesión solemne coa Comenda do 2 de Julho, a máis alta distinción que outorga o parlamento dese estado brasileiro.

Gonzalo Navaza
Membro correspondente da Academia