Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Rómulo, Rómula
Nome mitolóxico
Etimoloxía e historia
Do latín Romulo, de orixe descoñecida; é o nome do lendario fundador de Roma.
Motivación
Rómulo e Remo (século VIII a. C.) foron os míticos fundadores da cidade de Roma. Segundo a lenda, o rei de Alba Longa, Amulio, para asegurar a súa sucesión, meteu a vestal a súa sobriña Rea Silvia —filla do destronado rei Numitor—, feito que a obrigaba a un voto de virxindade. Pero Rea Silvia apareceu encinta do deus Marte e deu a luz a dous xemelgos, Rómulo e Remo, que meteu nunha cesta polas augas do Tíber (coma no caso de Moisés no Nilo). A cesta foi parar a unha xunqueira, onde unha loba recolleu as criaturas e lles deu de mamar. Cando os nenos se fixeron maiores derrocaron o usurpador. Despois os dous irmáns acabarían pelexando entre eles, e venceu Rómulo, que matou o seu irmán e se converteu no primeiro rei de Roma. O derradeiro emperador romano tamén se chamou así: Rómulo Augústulo.
Chamáronse así
Dous presidentes de Venezuela: o tamén escritor Rómulo Gallegos Freire (1884-1969), elixido en 1948 pero derrocado aos seis meses por un golpe de Estado, e Rómulo Betancurt Bello (1908-1981), que presidiu o país dúas veces: de 1945 a 1948 e de 1959 a 1964.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Romulus | |
Catalán | Ròmul | |
Español | Rómulo | |
Éuscaro | Romulo | |
Francés | Romulus | |
Inglés | Romulus | Romola |
Italiano | Rómolo | |
Portugués | Rómulo | |
Romanés | Romulus | |
Ruso | Romul |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]