Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Ricardo
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Ricardo:
Hipocorísticos
Másculinos Caíño, Cardocho, Carducho
Etimoloxía e historia
Dun nome de orixe xermánica importado de Francia ou Cataluña, atéstase na documentación galega desde o século XII. Está composto pola raíz recc, un elemento onomástico gótico moi produtivo, de orixe escura, e mais o franco hardus ‘duro, sólido’.
Motivación
Houbo varios santos ingleses con este nome: san Ricardo o Peregrino (Richard de Wessex), mítico rei saxón do século VIII que ao parecer foi coa súa familia de peregrinación a Terra Santa, pero morreu en Lucca (Italia). Outro, san Ricardo de Wych ou de Chichester (século XIII), foi chanceler da Universidade de Oxford e bispo de Chichester.
Levárono tamén tres reis ingleses: Ricardo I Corazón de León (século XII), de biografía controvertida —pois uns considerárono un rei valente e outros un soberano cruel—, é o de máis sona; participou na terceira cruzada. Ricardo II (1367-1400) e Ricardo III (1452-1485) inspiraron dramas de W. Shakespeare.
Chamáronse así
Os músicos alemáns Richard Wagner (1813-1883) e Richard Strauss (1864-1949), actores como o galés Richard Burton (1925-1984) e políticos como Richard M. Nixon (1913-1994), presidente dos EEUU de 1969 a 1974.
En Galicia destacou o filólogo, escritor e historiador da literatura Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2020.
Ricardo Blanco Cicerón (1844-1926), avogado e arqueólogo tudense. Foi vicepresidente da sección arqueolóxica da Exposición Rexional de 1909 e membro non numerario da Real Academia Galega.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Rike | |
Dick | ||
Richard | ||
Catalán | Ricard | |
Español | Ricardo | |
Éuscaro | Rikardo | |
Francés | Richard | |
Inglés | Richie (hip.) | |
Dick (hip.) | ||
Richard | ||
Italiano | Riccardo | |
Portugués | Ricardo | |
Sueco | Rickard |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Ricardo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]