Académicos e académicas

Xosé Luís Pensado Tomé

Xosé Luís Pensado Tomé

Negreira, 1924 - Salamanca, 2000
Data de ingreso
05/04/1987
A proposta de
Francisco Fernández del Riego, Antonio Meijide Pardo e Uxío Torre Enciso

Catedrático de Filoloxía Románica e Galaico-Portuguesa das universidades de Oviedo e Salamanca, centrou o seu traballo no estudo, na edición e na divulgación da obra de frei Martín Sarmiento -nomeadamente, das dúas achegas á lingüística galega- e na lexicografía histórica do galego. Foi tamén autor de valiosas contribucións á lingüística do asturiano e do leonés e aos estudos de etimoloxía castelá. Foi membro correspondente e de honra da Real Academia Galega.

Cursou o bacharelato no Instituto Masculino de Santiago, cidade na que realizou tamén os dous primeiros anos de estudos comúns da carreira de Filosofía e Letras (1943-1945), que rematou en Madrid en 1948 na especialidade de Filoloxía Románica con premio extraordinario de licenciatura. Doutorouse en 1954 cunha tese, dirixida por Dámaso Alonso, sobre a tradución ao galego d'Os Miragres de Santiago, unha das seccións do Liber Sancti Jacobi ou Códice Calixtino. O traballo foi editado, cun estudo preliminar, en 1958.

Desde o final da carreira, Xosé Luís Pensado exerceu como adxunto na cátedra de Filoloxía Románica á beira de Dámaso Alonso, e posteriormente foi profesor adxunto por oposición de Filoloxía Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa na Universidade de Madrid (1951-1957). No 1957 gañou a cátedra de Filoloxía Románica e Galaico-Portuguesa na Universidade de Oviedo e dende 1963 ocupou a mesmo posto na Universidade de Salamanca ata a súa xubilación. Como profesor visitante, realizou dúas estadías nos Estados Unidos, a primeira na Universidade Texas (1962-1963) e dous cursos despois na Universidade de Wisconsin (1965-1966).

Xosé Luís Pensado dedicou boa parte do seu labor científico a explicar, editar e divulgar os traballos de frei Martín Sarmiento sobre a lingua galega. Xa en 1960, realizou unha verdadeira introdución ao pensamento do frade bieito en Fray Martín Sarmiento: sus ideas lingüísticas. Nesta obra expón as teses do relixioso sobre a dignidade do galego e da súa autonomía fronte ao español e ao portugués, a necesidade de empregar o idioma propio no ensino, na Igrexa e na Administración; e mais as primeiras hipóteses sociolingüísticas sobre a substitución do galego polo español. Pensado prestoulle ademais atención á reconstrución que fixo Sarmiento da historia literaria do galego sobre a base das Cantigas de Santa María, de Afonso X, e sostivo a necesidade de dotalo dunha gramática e dun dicionario.

Boa parte dos traballos posteriores de Pensado centráronse precisamente na edición periódica dos textos de Sarmiento sobre lexicografía galega. En Colección de voces y frases gallegas (1970) e Catálogo de voces y frases de la lengua gallega (1973) o filólogo negreirés explica o método de traballo do ilustrado, os avatares da súa investigación e o valor das recompilacións feitas, que el mesmo se encargou de editar criticamente. En La Educación de la Juventud de Fray Martín Sarmiento (1984) ocúpase da súa concepción da pedagoxía. A esta publicación seguiulle a edición do Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1986) escrito tras unha viaxe de Sarmiento a Galicia en 1754, de interese tanto botánica como filolóxica. No Onomástico etimológico de la lengua gallega (1999), Pensado edita e comenta as achegas do relixioso á lexicografía galega, e a relevancia histórica da súa concepción da lingua.

En 1972, con motivo do segundo centenario do pasamento de Sarmiento, a Academia publicou un Boletín na súa memoria no que Pensado achega unha extensa edición crítica da que podería ser a última obra lingüística de Sarmiento, o “Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares”, verdadeiro compendio da súa concepción da lingua galega. Tamén dentro da institución, con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Martín Sarmiento no ano 2002, a Academia publicou no seu Boletín un ensaio do filólogo negreirés, A formación da conciencia lingüística de Sarmiento, no que traza unha biografía intelectual de Sarmiento desde os seus inicios ata o abrollar do seu interese polo galego.

Outros traballos de Sarmiento fóra do ámbito da lingüística galega editados por Pensado foron Elementos etimológicos según el método de Euclides (1999), La educación de la juventud (1984), Noticia de la verdadera patria (Alcalá) de Miguel de Cervantes (1987), De los atunes y sus transformaciones y sobre el modo de aliviar la miseria de los pueblos (1992) e Escritos geográficos (1996).

Alén dos estudos sarmientianos, Pensado interesouse tamén pola edición crítica de textos en prosa da literatura galega medieval en traballos como Fragmento de un “Livro de Tristan” galaico-portugués (1962) ou Tratado de Albeitaria (2004), tradución ao galego do século XV dun ensaio de veterinaria medieval por parte de Álvaro Eans das Eiras.

Os primordios da lexicografía galega foron outra das súas áreas de interese. Así, en Opúsculos lingüísticos gallegos (1974), exhuma textos do padre Sobreira sobre esta materia e edita as Papeletas dun Diccionario gallego (1979. Do ilustrado edita ademais as Cartas del Padre Sobreira a Gómez Ortega y Cornide (1983), canda o académico Xosé Luís Axeitos, quen foi alumno seu na Universidade de Salamanca. En Vocabulo[s] gallegos escuros: lo q[ue] quieren dezir (2003) prepara o primeiro vocabulario galego-castelán conservado, o do bacharel Olea, do século XV, que descubrira e exhumara con anterioridade Xosé Filgueira Valverde.

Pensado achegouse á lexicografía galega do século do XIX en Contribución a la crítica de la Lexicografía gallega (1976), obra na que examina o Diccionario gallego-castellano de Francisco Javier Rodríguez Gil, publicado en 1863. Como etimólogo publicou Estudios etimológicos galaico-portugueses (1965) e, canda Carmen Pensado Ruiz, escribiu “Gueada” y “Geada” gallegas (1985) na que defende unha xénese castelanista deste fenómeno fonético. O académico foi tamén autor de valiosas achegas no ámbito da etimoloxía española e da lingüística asturiana e leonesa.

Do seu labor como filólogo queda tamén constancia a través de numerosos artigo publicado na revista Verba, da Universidade de Santiago de Compostela; e como divulgador mereceu o Premio Fernández Latorre (1984). Os seus artigo en La Voz de Galicia foron recollidos nos volumes El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos: ensayos (1985) e Galicia en su lengua y sus gentes: ensayos (1991). De interese é tamén o seu epistolario con Ramón Piñeiro (2009).

Xosé Luís Pensado foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 1963, a proposta de proposta de Fermín Bouza-Brey, Francisco Vales Villamarín e Manuel Banet Fontenla; e o 5 de abril de 1987 ingresou como membro de honra da institución por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Antonio Meijide Pardo e Uxío Torre Enciso.

Foi ademais membro correspondente da Real Academia Española e de honra da Academia de la Llingua Asturiana, membro do Comité de Patronage des Cahiers de Linguistique Hispanique Mediévale de París, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos e da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. En 1989 recibiu o Pedrón de Honra en 1989.