Académicos e académicas

Ramón Cabanillas Enríquez

Ramón Cabanillas Enríquez

Cambados, Pontevedra, 1876 - 1959
Data de ingreso
13/10/1957
A proposta de
Luis Iglesias Iglesias, S. Portela Pazos, A. Iglesia Alvariño, P. Pedret Casado, R. Otero Pedrayo, F. Vales Villamarín, M. Chamoso Lamas, X. Carro García e F. Bouza-Brey.

Ramón Cabanillas Enríquez, poeta e autor teatral coñecido como o "poeta da raza", está considerado como un dos autores máis relevantes da primeira metade do século XX.

Naceu en Cambados o 3 de xuño de 1876. Tras abandonar a carreira eclesiástica no Seminario de San Martiño Pinario, onde estudou desde 1889 ata 1893, desempeñou diversas funcións burocráticas na vila natal, e, xa en 1910, emigrou a Cuba. Alí publicou o seu primeiro poema, "Lonxe" (1910), na revista Suevia, e os seus primeiros libros: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). No entanto, o máis importante da súa etapa na illa foi o encontro con Basilio Álvarez, quen o fixo participar na causa agrarista, e con Xosé Fontenla Leal, que o impulsou cara a escrita en galego.

Dous anos máis tarde abandonou a illa para establecerse de novo en Galicia, onde exerceu como secretario do concello de Mos, entre 1916 e 1924. Nesta época iniciou o seu compromiso co proxecto das Irmandades da Fala, colaborando no seu voceiro A Nosa Terra e converténdose na voz lírica do movemento. Foi aclamado como "poeta da raza" e, así, abandonou os ecos intimistas da súa primeira poesía para poñerse ao servizo das necesidades populares. Deste xeito, con vocación educadora, publicou en 1917 Da terra asoballada e as pezas dramáticas A man da Santiña (1921) e O Mariscal, en colaboración con Antón Villar Ponte, en 1926. Nese mesmo ano viu a luz o libro de poemas Na noite estrelecida, onde reelabora mitos do ciclo artúrico ao servizo da exaltación patriótica desde unha perspectiva mítica. Porén, en 1927, Cabanillas publicou un volume que recuperaba o mellor do seu lirismo intimista: A rosa de cen follas.

O 31 de agosto de 1920, a proposta de Francisco Tettamancy y Gastón, Florencio Vaamonde Lores e Eladio Rodríguez González, ingresou como membro de número na Real Academia Galega co discurso A saudade nos poetas gallegos. O 13 de outubro de 1957 foi nomeado académico de honra a proposta de Luís Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco V. Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Jesús Carro García e Fermín Bouza Brey. Antes, en 1929, ingresou na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.

O levantamento militar de 1936 sorprendeuno en Madrid, desde onde pasou a Valencia, cidade na que se relacionou con Castelao. Xa no ano 1937 regresou de novo a Cambados. Neses anos o poeta atravesou un período de silencio que só rompeu a partir de Camiños no tempo (1949). Tamén foi nesa etapa de posguerra cando publicou Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e de tempos idos e Samos.

Cabanillas brilla especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, aínda que cultivou tamén a tradución e, esporadicamente, a prosa. Finado en Cambados o 9 de novembro de 1959, a Xunta de Galicia acordou dedicarlle o ano 2009 para conmemorar o 50º cabodano da súa morte.