Académicos e académicas

Marina Mayoral

Marina Mayoral

Mondoñedo, 12/09/1942
Data de ingreso
30/09/2000
A proposta de
Ramón Lorenzo, Xosé Luís Franco Grande e Antón Santamarina.
Resposta pronunciada por
Xosé Luís Franco Grande

Marina Mayoral naceu en 1942 en Mondoñedo. Como investigadora no eido da literatura, a catedrática da Universidade Complutense de Madrid é autora dun centenar de traballos sobre diferentes autores e autoras, entre os que destacan os dedicados a Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, que a converten nunha autoridade nos estudos centrados en ambas as escritoras. Fixo tamén incursións na obra de Aurelio Aguirre e Valle-Inclán e son coñecidas as súas análises de poesía e prosa contemporáneas. Como escritora, é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán coa que colleitou diferentes premios.

A autora estudou os primeiros cursos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid. Desde os 19 anos vive nesa cidade, onde desenvolveu a súa carreira como escritora e profesora, pero sempre mantendo fortes lazos afectivos e culturais con Galicia.

Tras exercer uns meses como catedrática de ensino secundario, iniciou a carreira como docente universitaria e doutorouse en 1971, con premio extraordinario, cunha tese sobre a poesía de Rosalía de Castro. A este traballo, publicado pola editorial Gredos en 1974 con prólogo de Rafael Lapesa, seguíronlle outros estudos e edicións críticas de diferentes títulos rosalianos como En las orillas del Sar (Castalia, 1978), Follas novas (Xerais, 1990), Obras Completas (Editorial Turner, 1993). Con eles levou o nome de Rosalía de Castro e de Galicia a tribunas académicas internacionais onde foi conferenciante e profesora convidada, como as universidades de Harvard, Brown, California, Pennsylvania, Xenebra ou La Sapienza de Roma.

O universo literario de Emilia Pardo Bazán -cuxa casa na rúa Tabernas da Coruña acubilla hoxe a sede da RAG- débelle tamén edicións e investigacións que a converten igualmente nunha das autoridades de referencia sobre a autora coruñesa. Entre elas, figuran a edición crítica de Los Pazos de Ulloa (Castalia, 1986), Insolación (Espasa-Calpe, 1987), La Quimera (Cátedra, 1991) ou o estudo introdutorio a La educación del hombre y la de la mujer, Memorias de un solterón e La dama joven (Sotelo Blanco, 2006).

Como escritora, Marina Mayoral é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán (dezasete novelas, seis libros de relatos e case trinta narracións curtas incluídas en antoloxías españolas e estranxeiras e publicacións periódicas) distinguida con diferentes galardóns. Parte dos seus títulos, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas, como o portugués, o polaco ou o italiano. É o caso de Unha árbore, un adeus (Galaxia, 1988), Chamábase Luís (Xerais, 1989) e Querida amiga (Galaxia, 1995), coas que gañou o Premio Losada Diéguez de 1989 e 1996, Tristes armas (Xerais, 1994) ou Quen matou a Inmaculada Silva? (Xerais, 2009). Con anterioridade, mereceu o Premio de Ámbito Literario de 1979 por Cándida, otra vez, o Premio Novelas y Cuentos de 1980 por Al otro lado, o Premio Gabriel Sijé de 1981 por Plantar un árbol, o Premio Hucha de Oro de 1982 por Ensayo de comedia ou o Premio San Clemente de 2012 por Deseos.

A súa produción literaria chamou ademais a atención da crítica e da investigación, desde as que se lle dedicou máis dunha vintena de artigos e capítulos de libro, e mereceu a súa inclusión en varias obras en lingua inglesa sobre escritoras de España e Europa.

O articulismo é outra das facetas habituais de Marina Mayoral, autora de máis dun milleiro de columnas e recoñecida co Premio Fernández Latorre no ano 1992. O seu labor a prol dos valores culturais foi recoñecido tamén coa concesión da Medalla Castelao en 1998.