Académicos e académicas

Kathleen March

Kathleen March

Rochester, NY, 20/10/1949
Data de ingreso
23/09/2023
A proposta de
Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Ana Romani, Rosario Álvarez Blanco
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Rosario Álvarez Blanco

Kathleen Nora March (Rochester, Estado de Nova York, 1949) é unha das principais estudosas das letras galegas no ámbito angloamericano. Catedrática emérita de Español na University of Maine e directora do Centro de Estudos Galegos de dita universidade, foi a primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e traduciu obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións que contribuíron de forma notable á proxección internacional da literatura galega. Por todas estas achegas recibiu o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior no ano 2015 e foi elixida membro de honra da Real Academia Galega no ano 2022.

A profesora March medrou en Palmyra, unha pequena localidade rural do Estado de Nova York, e licenciouse pola State University of New York en Buffalo, onde se especializou en estudos latinoamericanos cunha investigación sobre as actitudes no Brasil cara aos portugueses continentais. Doutorouse en 1979 pola mesma institución cunha tese sobre o prosista peruano José María Arguedas e, case ao mesmo tempo, durante as súas primeiras estadías en Galicia na segunda metade dos anos 70, comezou a mergullarse na literatura galega contemporánea, campo que co tempo pasou a ocupar un espazo central na súa produción investigadora, caracterizada sempre por un prisma innovador. O primeiro autor que atraeu a súa atención foi Manoel Antonio. Ao poeta rianxeiro dedicoulle o seu primeiro artigo sobre o sistema literario galego, publicado na revista Grial o mesmo ano en que se doutorou. Castelao, Carballo Calero, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres son algúns dos escritores e escritoras de distintos momentos, dende o Rexurdimento ata a actualidade, que suscitaron posteriormente o seu interese.

Mención especial merece Rosalía de Castro, creadora que axudou a ler, a partir dos anos 80, cunha ollada afastada do tópico rexionalista poñendo o foco na súa modernidade e perspectiva de xénero pioneira. A lectura e análise de La hija del mar, segundo ela mesma conta, serviulle de fonte de inspiración para estudar a intersección entre literatura, feminismo e nacionalismo. E March contribuíu á internacionalización da obra rosaliana vertendo ao inglés obras como a súa primeira novela (1995), os artigos Lieders (1996) e Las literatas (1997).

No campo da narrativa levou tamén á súa lingua materna os volumes Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (1995 e 2007), Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro (2011), Un nicho para Marlyn (2016) e Lume de cobiza (2018) de Miguel Anxo Fernández, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (2022), Pensa nao de Anxo Angueira (2019), Seique de Susana Sánchez Aríns (2021), Memoria para Xoana (2021) ou Confusión e morte de María Balteira (2022) de Marica Campo (2022), entre outros.

No eido poético traduciu Tigres de ternura de Claudio Rodríguez Fer (2012) e publicou os volumes colectivos Festa da Palabra. An Anthology of Contemporany Galician Women Poets (1988) e An Anthology of Galician Short Stories (1991) e mais o texto Rosalía’s Revolution in New York de Claudio Rodríguez Fer (2014). Ademais, trouxo do inglés ao galego o ensaio de Noam Chomsky Sobre o poder e a ideoloxía: as conferencias de Managua (1993); e tamén a autoras como Maria Susanna Commins; Harriet Beecher Stowe, creadora d’ A cabana do tío Tom; a poeta nativa americana nila northSun; e a poeta e ensaísta irlandesa Eiléan Ní Chuilleanáin.

Como autora literaria publicou diversos relatos e poemas, tanto en inglés coma en galego, e doutorouse no ano 2002 pola Universidade de Maine en Creación Literaria coa novela posmoderna Sea Words: De mar a mar.

Kathleen March é ademais promotora de iniciativas que facilitaron o traballo colectivo a prol da cultura galega. En 1985 fundou a Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxecto de impulsar a investigación no eido das letras galegas dende a academia norteamericana e despois ampliada ao ámbito internacional. Foi a súa primeira presidenta e, máis adiante, recuncou nunha segunda etapa entre 2000 e 2003. É inspiradora e coordinadora científica do proxecto Seara, plataforma bilingüe para a literatura galega do Consello da Cultura Galega, e ten participado en numerosos congresos e conferencias con disertacións sobre autoras como Rosalía de Castro, Xohana Torres, Eiléan Ní Chuilleanáin, María Mariño Carou, Carmen Blanco ou Pilar Pallarés.

Vinculada profesionalmente á Universidade de Maine, onde exerceu a docencia dende 1984 ata a súa xubilación, dirixiu numerosas teses e proxectos de investigación. A partir do ano 2000 desenvolveu un método de ensino estruturado como un servizo aberto á comunidade. Esta proposta levouna a traballar xunto ao seu alumnado en Honduras desenvolvendo proxectos sociais, culturais e pedagóxicos.

Entre outros recoñecementos, foi galardoada co Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior (2015), en abril de 2021 e obtivo a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega, convocada pola Xunta de Galicia coa colaboración da Residencia Literaria 1863 da Coruña, proxecto impulsado pola escritora Yolanda Castaño.