Francisco Díaz-Fierros Viqueira

Ambiente e natureza en Luz Pozo Garza

Francisco Díaz-Fierros Viqueira

03/06/2020

o pasamento da nosa entrañable Luz achegou, nestes días, moitos aspectos da súa obra poética que especialistas e amigos (sobre todo amigos) desvelaron coa maior devoción e afecto. Pero hai un, posiblemente pouco coñecido, que non se podería deixar de comentar neste momento de lembranzas agradecidas. A súa preocupación polo ambiente e a natureza, que non era só achega afectiva e fonte de inspiración poética, senón que tamén daba orixe a un compromiso plenamente consciente e mesmo militante. Eu son testemuña de ter mantido con ela conversas na RAG neste sentido, pero tamén se podería falar da súa participación en actos públicos na defensa do medio ou, sobre todo, do seu apoio ao proxecto ECOARTE, que dirixe e alenta a súa amiga María Novo da cátedra UNESCO de Educación Ambiental.

Ben é certo que na súa obra non existen referencias concretas desta faceta da súa rica personalidade, agás no poema dedicado a Green Peace (sic), no que fai unha moi sentida referencia ao problema dos bosques fronte ás chuvias ácidas: "Sobre os bosques de Europa / vai caendo implacable / unha chuvia letal /rítmica / insomne " e que, ademais, lle serve para realizar un percorrido poético por outros problemas ambientais como o "dos ríos agredidos", "os espazos vendidos" ou a "Indefensión dos mares". Mais esta ollada ecoloxista dun mundo "…gris obsceno / ou pátina vermella /baixo o tempo erosivo" ao que nos imos afacendo lentamente os seres humanos, non esquece o problema social que se agocha detrás destas agresións ao planeta e, dun xeito recorrente, obsesivo, coma nunha salmodia, xorde no poema a frase reivindicativa: A FAME DE ÁFRICA, A FAME DE ÁFRICA…

Haberá tempo en que os especialistas analicen a presenza da natureza na súa obra, pero nesta pequena glosa non podería deixar de citar a importancia que moitos dos seus elementos teñen nela. Sobre todo a chuvia, esa auga lustral que dá nome a varios poemas, coa que aprendeu a convivir desde a súa nenez en Ribadeo e Viveiro, onde os ceos tristes e as chuvias persistentes, son case a norma do ambiente: "Y llegaban las lluvias matinales/bajaban por mis venas", "es imposible que la lluvia cese" ou pasados os anos, en Compostela, "ese calice de chuvia", onde "a rotación das chuvias permanece na memoria". O ríos teñen tamén a súa presenza como metáforas da vida ou como donos dunha intimidade propia que os fai pretexto para "abrazar la tierra", ou ben choran "por encontrate, orilla". Pero, sobre todo, será o mar, os mares do Cantábrico primeiro, de Vigo despois e, ao final, os do Orzán e A Marola, os que coa súa inmensidade suxiran cotas de infinitude e incerteza, ao tempo que agochan traxedias como a dos nenos afogados, que tan persistentemente asoman nos seus poemas.

Finalmente, ese tempo biolóxico que definía o seu admirado Otero, pero que en Luz non se resolve en paisaxes coma síntese integradora, senón que se amosa nos seus elementos soltos, suxeridores, metáforas de vida, tal como aparecen os bosques, ás veces feridos, pero sempre acolledores e fermosos, abeiros de paxaros e misterios. Pero serán , por riba de todo, as flores, ese símbolo da beleza que a escritora perseguiu con teima e seguridade ata o final dos seus días, as que enchan as referencias biolóxicas dos seus poemas. Mesmo as máis humildes das xestas dos cumios lugueses que agarimou con mimo na procura das pegadas de Noriega e Aquilino. E "florales" poderán ser tamén os ríos, as pedras e os ventos nese afán tan seu de transmitir o bo e fermoso que ten a vida. Así era Luz e así a quero lembrar.

  

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia


Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete