Palabra de Nós

Ramón Villares

29/12/2020

A voz gañadora do concurso promovido polo Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié, é a palabra Nós. Trátase dunha expresión algo intemporal, que sobardou a tentación de escoller termos vinculados aos aconteceres deste ano 2020, marcados pola pandemia, o silencio, a distancia afectiva ou o desexo dunha vacina liberadora da dor e da morte. Fronte a todos eles triunfou o pronome de primeira persoa de plural, que designa unha percepción cultural e cívica da comunidade. Pode entenderse como un recoñecemento do que foi a xeración Nós, nome dunha revista e dun grupo intelectual que se decantou como tal hai cen anos, na cidade de Ourense. Pero tamén se debe interpretar como expresión dunha identidade cultural que prefire o colectivo ao individual, o Nós comunal ao Eu individualista e mesmo egotista. No fondo, esta escolla está a recoñecer a necesidade de Galicia ser pensada por si mesma e de se afirmar como tal.

Alén de calquera outra interpretación, esta escolla é unha boa noticia sobre a saúde da república das letras. Porque Nós é palabra de autoafirmación, que dá conta da autopercepción dun suxeito colectivo fronte a outras persoas ou grupos. Esta idea, que asociamos á xeración Nós, estaba no ambiente cultural e político de principios do século XX en moitos lugares de Europa, desde Cataluña a Bretaña ou Irlanda. Se ser diferentes é ser existentes, que diría Risco, algo semellante pensaban os promotores de proxectos nacionais emerxentes como o catalán Nosaltres sols, o bretón Breiz Atao ou o irlandés Sinn Fein, todos eles, como o Nós galego, nomes de publicacións ou, no seu caso, de organizacións políticas nacionalistas.

A palabra Nós está emparentada coa forma posesiva que é tan común na cultura galega, decote empregada para definir a lingua, a terra, a arte ou calquera outra actividade como propiamente "nosa". Esta é unha expresión da forza posesoria que anima a sociedade galega, de forte identidade cultural máis do que étnica ou política. Pero a escolla de Nós como nome dun movemento cultural ten outro trazo definitorio, ao substituír o poder determinista da Terra (como era a cabeceira A Nosa Terra, fundada pola Solidaridad Gallega e adoptada polas Irmandades), pola autoafirmación comunitaria. Neste sentido, a escolla da palabra Nós para denominar en 1920 unha nova revista, destinada a crear e difundir a cultura galega auténtica (enxebre, dicíase daquela), foi a aposta dun grupo intelectual consciente dunha ruptura xeracional (os "novos") e, desde logo, tamén de viraxe cultural.

Cen anos máis tarde, con esta elección, estase a confirmar que aquela aposta deu o seu froito. Máis que elixir un termo, a mensaxe está en difundir por este medio unha palabra que para os seus promotores (Castelao, Risco, Losada) supoñía a vontade de crear algo diferente e arraizado na Terra que expresase de forma cabal e completa a súa riqueza antropolóxica. Por esta razón, o sentido último do emprego de Nós non pode ser agora algo ritual nin un significante baldeiro. Nós revela frebas moi profundas da identidade galega de onte e de hoxe: o poder da casa, da familia e da comunidade, tanto para seren identificadas como para garantir un porvir para a cultura e a lingua, creación colectiva que emprega cada individuo. Nesa suma do comunal e do persoal están o Nós da cabeceira dunha revista e o Eu que tamén agroma nunha das frecuentes boutades de Risco. A palabra Nós, hoxe, será útil e fecunda se non esquece que esta autoafirmación é unha cuestión de dignidade colectiva e non de exclusivismo ou de repudio do Outro. Así sería a palabra de Nós....
 

Ramón Villares
Membro de número da Academia


Novas da Academia

Subscríbete