Novas voces para a lingua

Víctor F. Freixanes

15/12/2020

Unha das preocupacións da Real Academia Galega é conectar coas novas xeracións, abrir espazos para novas formas de creatividade, que necesariamente han ser novas olladas xeracionais. Velaquí un dos desafíos da lingua no século XXI: dunha banda, as novas tecnoloxías da comunicación, instalados no grande universo das relación globais; doutra banda, a incorporación de xente nova ao discurso do idioma, que é socialización e reivindicación.

Tres novos creadores: Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora), recentemente graduados en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, presentan un discurso novo que incorpora, asemade, novas linguaxes, olladas novas cara ao futuro. Ana Isabel Rodríguez, Martín Vaz e Gaspar Broullón, profesores da Facultade de Comunicación da USC, colaboraron tamén no proxecto, que mereceu os máximos honores nas cualificacións dos traballos de fin de grao.

Co titulo xenérico CONSEGUIREMOS, que é tamén un pronunciamento de intencións, vontade e entusiasmo, queren amosar unha maneira distinta de falar da lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas (as novas xeracións) escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema… Os protagonistas son Verónica Boquete, Alejandro Guillán Baiuca, Laura Lamontagne, Andrés Goteira; as integrantes da Panadaría Teatro Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, Iria Veiga, Víctor Pérez Currás, Sara Hermo, Daniel Celester e Ángel Carracedo. Uns dan conta da súa experiencia co idioma dende a súa actividade artística ou profesional, ás veces mesmo dende os seus soños de futuro, e outros retrucan, dialogan, fan contrapunto nos diálogos. A todos agradecemos a súa colaboración, admiramos o seu talento e aplaudimos o compromiso.

A Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de asinar un convenio para darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa. Facémola entre todos. Creamos e expresámonos nela. Socializámonos nela. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo. Velaquí un escaparate para expresarse. Seis pezas audiovisuais que convidan a avanzar cara ao futuro. Como eles mesmos anuncian: Conseguirémolo. Non esquezan estes nomes: Paula, Lois e Meritxell. A lingua galega actívase con novas voces. Estamos no século XXI. Parabéns.
 

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia


Novas da Academia

Subscríbete