Ricardo Carballo Calero e a revista 'Nós'

Afonso
Vázquez-Monxardín

02/10/2020

Ricardo Carballo Calero semella estar predestinado a ser un dos máis activos colaboradores de Nós: o día que a revista viu a luz en Ourense, o 30 de outubro de 1920, cumpría el os dez aniños de vida, en Ferrol. E coa máxima precocidade dun compromiso coa Terra que mantivo de por vida, e antes de pasaren outros oito anos, xa publicara dúas poesías na terceira páxina de Nós -"Deus", (núm. 49, febreiro 1928) e "Mañá de outono" (núm. 55, 25 de xullo de 1928). Alí, en procura atoutiñante do seu nome definitivo como escritor, asina como "R. Carballo Caleiro". Entremedias destes poemas, no número 51 de marzo de 1928, a súa primeira obra publicada, en castelán, Trinitarias, será obxecto da atención, como crítico literario, do director da revista, Vicente Risco. O ourensán terá para el comedidas e gabanciosas palabras de ánimo a un poeta que comeza. Pouco despois iniciará tamén as súas colaboracións con A nosa terra, onde combinará artigos de creación literaria con outros de compromiso explicitamente político, sempre desde a esquerda galeguista e a vinculación co mundo estudantil e da difusión cultural.

A súa contribución debe ser especialmente recoñecida se temos en conta que no tempo transcorrido entre ese febreiro de 1928 inicial en Nós e decembro de 1935 de peche da revista -oito anos- a súa sinatura figurará ao pé de 12 composicións poéticas diversas, sete artigos de balance, reflexión e crítica literaria -algúns especialmente importantes- e oito recensións e comentarios de novidades editoriais; en total 27 artigos. Ao tempo, a súa actividade como creador é obxecto de comentario, en catro ocasións, por parte de primeiras figuras da nosa literatura. Xa citamos a Vicente Risco, pero tamén Fermín Bouza Brey, quen tratará de La soledad confusa, en xuño de 1932 e Aquilino Iglesia Alvariño, que fará o propio c'O silenzo axoenllado, en outubro de 1934. Pola súa banda, Otero Pedrayo dá noticia dunha súa conferencia en Ferrol, para público obreiro, En torno a las ideas comunistas de Platón comentadas no núm. 82, en marzo de 1930.

En total, pois, esas trinta e dúas aparicións como protagonista nas páxinas de Nós, aos vinte e cinco anos, fan del, seguramente, o máis activo e frutífero dos seus colaboradores novos.

En Nós, no Nós de Risco e Castelao, pero xa nos tempos de Ánxel Casal en Compostela, desenvolverá dúas das liñas esenciais da súa vida intelectual: a creación poética, que se ben nunca abandonará si quedará escurecida ante a transcendencia maior para a conformación e organización do sistema literario galego da outra liña aquí iniciada: a reflexión, crítica e categorización da produción editorial galega. Dalgún xeito, nestes artigos está latente o interese que se acabará convertendo na magna e canónica Historia da Literatura Galega contemporánea.

Carballo Calero amosa sempre unha madurez e coñecementos sorprendentes, pois achega tres artigos substanciosos cun repaso sobre a actualidade literaria, como son "Ollada encol da poesía galega contemporánea" (núm. 87, 15 de marzo de 1931), "Balance e inventario da nosa literatura" (núm 108, 15 de decembro de 1932) -a xeito de repasos anuais do estado da cuestión- e, sobre todo, para nós, o interesantísimo "A xeneración de Risco" (núm. 131-132, nov-dec- 1934). Trátase da fixación por escrito dunha conferencia dada días antes en Vigo, e será a primeira vez na que, aínda con outro nome menos grupal, se reflexione sobre a Xeración Nós e a súa convivencia con outras de autores máis novos, entre os que el se conta. É unha artigo paralelo, polo que ten de análise como observador protagonista de "Dos nosos tempos" de Cuevillas, ou do "Nós os inadaptados" de Risco. Entre outras cousas, sinala:

A cultura galega contemporánea é un producto da convivencia de dúas xeneracións: a da xeneración de Risco e a dos nados no primeiro canto do século XX...
O dreito de Risco ao consulado epónimo somente poderá negalo a envexa. É o filósofo da xeneración, o máis conscente dos seus membros. Unha especie de segredario xeral espiritoal do grupo.
De xeito que antre os precursores e os novos están estes homes de quenes falamos. De méritos moi desigoás. Uns verdadeiramente insignes, outros encaramados á súa sona máis que por un propio valor extraordinario, pol-a benevolencia dos amigos, pol-a probeza intelectual do ambiente....
A xeneración de Risco é unha xeneración incompleta. Fallan representantes de moitas aitividades culturais...
.

Os outros artigos desta liña de construtor da teoría literaria galega serán unha nótula erudita sobre un posible eco da literatura galega medieval ("Cossante", Nós, núm. 101, 15 de maio de 1932), unha ampla reflexión sobre as "Grorias e perigos da poesía de Bouza Brey" (Nós, núm. 130, outubro 1934), e unha achega a "Rosalía e Curros en Juan Ramón" (Nós, núm.136, abril 1935).

Pero a súa actividade como comentarista de obra, tamén nos indica esa agudeza de perspectiva. Comeza Carballo comentando no núm. 101, de 15 de maio de 1932, o discurso de ingreso na Real Academia Galega de Otero Pedrayo (Romantismo, saudade, sentimento da raza e da Terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal) e a contestación de Vicente Risco. Polo autor de Trasalba, amosará unha gran preferencia, admiración e simpatía ao longo da súa vida, como se pode observar, por exemplo, na relación epistolar entrambos mantida, conservada na Fundación Penzol e no Parlamento de Galicia, e hoxe consultable na web da Fundación Otero Pedrayo. Carballo halle dedicar outros dous comentarios de obra. Ao conxunto dos Contos do camiño e da rúa, publicados pola editorial Nós en 1932 (núm. 106 de outubro desde ano) e ao ano seguinte, á obra Ensayo histórico sobre la cultura gallega, tamén publicado por Nós, en castelán, cun afán didáctico de proxección en España da nosa identidade, (Nós, núm. 118 de outubro de 1933).

As outras obras recensionadas por Carballo Calero serán o Vento Segrel de Augusto María Casas (Nós, 101, de 15 de maio de 1932); o Poema en catro tempos de Eduardo Blanco Amor (102, 15 xuño de 1932); os Sonetos escogidos de Antero de Quental, publicados no ano 1933 polo efémero Instituto de Estudios Portugueses da Universidade de Santiago, (Nós, 111, 15 marzo 1933); a Codeseira, de José Crecente Vega (Nós, 122, 15 de febreiro de 1934); e as Poesías de Gil de Vicente publicadas por Dámaso Alonso na editorial Cruz y Raya en 1934 (Nós, 126-127, xuño-xullo de 1934).

No ano 1970 cando baixo a presidencia de Sebastián Martínez Risco, a Real Academia Galega promova un número homenaxe á revista Nós que levaría o número simbólico de 145 -con vontade de enlace co derradeiro da revista orixinal, o 139-144 de xullo-decembro de 1935-, don Ricardo Caballo Calero participará cunha emotiva lembranza baixo o título de "Nós, onte, hoxe e mañá" que conclúe: "A conmemoración do nacimento daquela revista de cultura galega, onde a todos os que amábamos a cultura e á Galicia foinos posible convivir e aprender, pode traguer ao hoxe o arrecendo dun pasado que, como todo pasado fecundo, constitúe unha lección para o presente. Xa sabemos que o onte é moitas veces mañá".

Así, pois, queremos renderlle con esta pequena evocación, unha homenaxe a don Ricardo, con este desexo nobre, anovado e compartido de amor á cultura e a Galicia mesma.

Afonso
Vázquez-Monxardín
Membro correspondente da Academia


Axenda de actos Ver todos
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero
Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete