Lembranza de Xosé Luís Franco Grande

Ramón Lorenzo

31/03/2020

Sinto dentro de min unha profunda tristeza porque nos deixou un amigo moi querido. Hai aínda poucos días, o 13 de marzo, Franco Grande trasladouse a Santiago porque quería xantar con Antón Santamarina e mais comigo. Era unha despedida, pois eu sabía que sería a última vez que nos viamos. Foi un xantar memorable e despois del aínda quixo ir dar unha volta polo paseo da Ferradura, como para lembrar os moitos paseos que deramos por aquel parque nos anos 50 do século pasado. Andando por alí e termando do frío veume á memoria unha foto de xullo de 1957, na que estamos el e eu con Méndez Ferrín, Manuel María e Cuns Lousa sostendo na man un exemplar da súa obra Vieiro choído, publicada naqueles días. Desde ese día 13 fun falando con el por teléfono, pero notaba como cada día que ía perdendo a forza, aínda que seguía coa idea de emprender novas tarefas, sempre coidado agarimosamente polas súas fillas Rosalía e Navia. Fomos falando ata que nunha das chamadas que fixen xa non colleu el o teléfono, foi Navia. El xa non podía. E agora todo rematou.

Eu quero revivir aquí os días felices de convivencia, que foron moitos. Coñecín a Xosé Luís en 1955 ó chegar á Universidade de Santiago, onde el comezara os estudos no ano anterior, e desde os primeiros días do curso entrei en contacto con el e con outros estudantes, como Beiras, Ferrín, Mourullo, López Nogueira etc., e tamén con grandes persoeiros do galeguismo, como eran Ramón Piñeiro, García Sabell ou Otero Pedrayo. Como non lembrar as tertulias do Café Español para escoitar a Otero Pedrayo ou as Festas Minervais, nas que os poemas de Franco Grande sempre eran premiados? Como non lembrar a festa que se organizaba no Hostal dos Reis Católicos, onde todos nós vestidos de etiqueta liamos os poemas? Como non lembrar o ciclo de conferencias no Círculo Mercantil de Santiago, no que el falou sobre Manuel Antonio, ou o recital poético da súa admirada Xohana Torres?

Franco Grande era un mozo cunha sólida formación literaria, coñecedor da cultura europea máis actual e gran devoto do filósofo Kierkegaard, do que sempre nos estaba falando. Gustáballe a literatura e destacaba como poeta, sen deixar de ser brillante nos seus estudos na Facultade de Dereito. Aqueles anos de convivencia en Santiago deixáronnos marcados e desde entón fun seguindo a súa traxectoria como avogado, literato, investigador, lexicógrafo ou como analista político.

Como escritor puidemos apreciar axiña a súa capacidade como poeta e todos acollemos con entusiasmo a aparición do seu primeiro libro, a obra de teatro Vieiro choído (1957), á que lle fixen unha recensión laudatoria no diario La Noche, e a todos nos pareceu extraordinario o seu primeiro libro de poemas Entre o si e o non (1967), ó que seguirían outros. Pero tamén devorei con sumo pracer Os anos escuros, esa historia marabillosamente contada da vida compostelana na época estudiantil, na que nós estabamos inmersos, e dos anos posteriores.

Agora que te fuches, irmán Xosé Luís, véñenme á memoria uns versos dun poema do teu libro Xoguetes do tempo (2015), que din así:

Agora ves que vas baixando a costa / que ao longo da túa vida / fuches subindo case sen sentilo / (a costa mesma foi a túa vida). / E ves que cada vez che queda menos, / que agora estás nos chanzos derradeiros, / que os teus folgos se foron / e só a inercia axuda na baixada.

Xa pasaches ese "chanzo derradeiro", pero quedarás sempre na lembranza de tódolos amigos.

Ramón Lorenzo
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete