Helena Villar Janeiro

Carta a Ramiro Fonte no décimo cabodano do seu pasamento

Helena Villar Janeiro

14/11/2018

Prezado Ramiro: Vén de se cumprir o décimo cabodano do teu pasamento, efeméride sinalada nun acto do IES Castelao de Vigo, onde impartiches docencia. Produto duradeiro da conmemoración será a biblioteca do centro que recibiu o teu nome. Que mellor epónimo que un escritor brillante, roubado pola morte temperá que nos privou da potencialidade creativa que era esperable de ti. Aplausos a quen fixo posible a túa evocación como veciño, persoa, docente, poeta, narrador e animador cultural. Tamén porque o alumnado puxese voz aos teus versos e os teus libros fosen expostos aos ollos de quen teñen un mundo que descubrir neles.

Quixera unirme a conmemorar o teu recordo como compañeiro dunha certa proximidade xeracional e da gozosa aventura poética. Hai persoas coas que establecemos unha relación afectiva que non vai consistir sequera na frecuencia do trato, senón en terlle dado sentido a un proxecto común e en permanecer dalgún xeito unidas nel, inda que fose unha acción puntual. O proxecto común da nosa relación foi Cravo fondo. Remóntase ao ano 1976 cando un pequeno grupo de estudantes en Compostela tivestes a idea de formular unha reflexión pública sobre o feito poético galego que encabezase un poemario colectivo. E chegastes á nosa casa para atraer a Xesús, que xa tiña publicado e figuraba na Antoloxía dos Novísimos. El puxo a condición de que eu entrase e formastes un grupo definitivo coa intención de superar o socialrealismo epigonal da poesía galega introducindo cambios sen renunciar á herdanza nin caer no esteticismo. Ramiro Fonte, Xulio López Valcárcel, Xesús Rábade Paredes, Xabier Rodríguez Barrio, Xesús Manuel Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar Janeiro. En 1977 publicamos o libriño Cravo fondo, que incluía o manifesto. Todos seguimos o camiño que nos marcou a chamada poética, inda que nos diversificaramos como escritores, e ti es boa mostra deses varios camiños. Por iso coincidimos a onde nos chamaba a poesía: xurados, recitais e congresos. E sempre recordamos aquel noso bautizo grupal. A derradeira vez foi no VI Congreso Internacional de Poesía (Coimbra, maio de 2007). Alí deixaches unha mostra da túa cualidade poética. E, como outras veces, inda nos quedou tempo para falar da música de jazz que ti levabas dentro e eu sempre teño ao lado.

Helena Villar Janeiro
Membro correspondente da Academia


Axenda de actos Ver todos
Mércores 24 de xullo de 2019 / 11:30 h
Clausura dos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas

Novas da Academia

Subscríbete