Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Luz Pozo Garza
Ribadeo, Lugo, 22/07/1922


29/11/1996


Xesús Alonso Montero, Carlos Casares Mouriño e Salvador García-Bodaño Zunzunegui


Diálogos con Rosalía




Xesús Alonso Montero


Luz Pozo Garza (29/11/1996 - )
José Trapero Pardo (05/06/1971 - 10/10/1995)
Julio Rodríguez Yordi (06/10/1955 - 27/09/1967)
Ramón Villar Ponte (16/06/1951 - 14/09/1953)
Wenceslao Requejo Pérez (04/09/1905 - 14/10/1947)


Vicesecretaria (29/11/1997 - 19/11/2001)


Andrés Torres Queiruga (20/04/2013 - Actualidade)
Francisco Fernández Rei (23/01/2010 - 20/04/2013)
Salvador García-Bodaño Zunzunegui (17/12/2005 - 18/12/2009)
Salvador García-Bodaño Zunzunegui (20/12/2001 - 16/11/2005)
Luz Pozo Garza (29/11/1997 - 19/11/2001)

Luz Pozo Garza naceu na vila luguesa de Ribadeo en 1922, no seo dunha familia de clase media de ascendencia galega nobre. Sendo aínda unha nena trasladouse a Viveiro onde viviu ata o comezo da guerra civil. Coa chegada da confrontación, seu pai, militante republicano, foi encarcerado, e a familia seguiuno primeiro a Lugo e despois a Marrocos ata que en 1940 regresaron a Viveiro. Durante estes anos de guerra e posguerra aproba o Exame de Estado e no Conservatorio de Madrid a carreira elemental de Piano. En 1949 conclúe a carreira de Piano (nivel superior) no Conservatorio da Coruña e acada o título de mestra de primeiro ensino. En 1963 licenciase en Filoloxía Románica pola Universidade de Oviedo. En 1964 aproba as oposicións de profesora adxunta de Bacharelato de Lingua e Literatura españolas, que a levan a impartir clases nos institutos de Badaxoz, Corcubión -como directora- ou A Coruña, cidade na que residiu desde 1964 a 1977; desde 1980 exerce como catedrática de Lingua e Literatura españolas en Nigrán e Vigo. Xubílase en 1982 e actualmente reside na Coruña.

O seu labor editorial comezou coa revista Nordésrevista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés. Mantiña agora as liñas proxectadas orixinariamente, dar a coñecer a poesía galego-portuguesa actual, proporcionar unha plataforma aos novos poetas e dar a coñecer as últimas producións de ensaio e narración breve en galego: Cunqueiro, Dieste, Eduardo Moreiras, Neira Vilas, Xosefa Goldar, Fernando Agrasar, Fernández del Riego, X. María Álvarez Cáccamo, Tomás Barros, etc. Dirixe na actualidade Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista.

Foi e é colaboradora habitual de revistas nacionais e estranxeiras, La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Clave Orión, Ateneo Ferrolán, Galeuzca, Nordés ou Grial, son algunhas das publicacións que deron cabida aos seus artigos e poemas.

Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris (1999) e Bruxelas (1999) e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.

Forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso Diálogos con Rosalía, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.

A súa obra poética abrangue títulos como Ánfora, (1949); El vagabundo (1952); O paxaro na boca (1952), que inaugura a colección Xistral, que dirixía Ánxel Xoán; Cita en el viento, (1962); Últimas palabras/ Verbas derradeiras (1975), poemario intimista que rompe todas as convencións ortográficas e no que reflexiona sobre a morte, a dor, o desamor e a angustia;Concerto de outono (1981); Códice Calixtino (1986); Prometo a flor de Loto, poemario concibido como un diálogo co finado Eduardo Moreiras (o seu segundo esposo), que foi gañadora do Premio Miguel González Garcés en 1992; Vida secreta de Rosalía (1996); Ribadeo, Ribadeo (2002); Medea en Corinto (2002); Historias fidelísimas (Antoloxía, 2003), Memoria Solar (2004), que recolle catorce poemarios de 1949 a 2004, As arpas de Iwerddon (2005), As vodas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009) e Rosa tántrica (2016).

Como ensaísta publicou Álvaro Cunqueiro e 'Herba de aquí e acola' (1991); A bordo de 'Barco sin luces' sobre Luís Pimentel; Galicia ferida (A visión de Luís Seoane) (1994); Ondas do mar de Vigo: Erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, (1996). Así como  numerosos artigos sobre Rosalía, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio, Franco Grande, etc.

O seu intenso labor literario fíxoa merecedora, entre outras, das seguintes distincións e premios: en 1974 foi premiada na VII Festa da Cantiga polo poema 'Noticia dende a Cruña a un amigo foraño' (Flor Natural); en 1990 gañou o premio Tomás Barros de ensaio; no ano 1992, o primeiro Premio de Poesía da Deputación da Coruña; en 1994, o Premio Gallegas distinguidas, de Diálogos 90; en 1995 foille concedida a Medalla Castelao; no ano 2001 recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (co Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia: monólito e dedicación dunha rúa en Ribadeo) e o Premio Celanova. Casa dos poetas; No ano 2002, o Premio Galicia en Feminino: Premio á participación artístico cultural das mulleres.

Os seus poemas foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.

Como directiva, pertence ao PEN Clube de Galicia. Os Concellos da Coruña e da Pobra do Caramiñal dedicáronlle senllas rúas.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete