Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Ramón Bernárdez González



04/09/1905


Académico fundador


Xesús Alonso Montero (30/10/1993 - )
Rafael Dieste González (18/04/1970 - 15/10/1981)
Valentín Villanueva Rivas (03/08/1924 - 08/11/1931)
Ramón Bernárdez González (04/09/1905 - 16/06/1911)


Sendo descoñecida a súa data de nacemento, o seu pasamento data do 16 de xuño de 1911. Foi abade da Colexiata da Coruña e simpatizante do movemento rexionalista liberal que, naquela altura, imperaba na cidade da Coruña. Tamén foi membro da Real Academia Galega desde a súa fundación o 4 de setembro de 1905.

De Ramón Bernárdez González sabemos que naceu fóra de Galicia sen que iso lle impedise achegarse á cultura galega e implicarse na súa vida pública. Licenciouse en Dereito e foi párroco de Biduido e de Laraño, mais tamén arcipreste de Xiro da Rocha, en Santiago de Compostela. Porén, foi como abade da Colexiata da Coruña cando amosou maior preocupación pola realidade social na cidade que habitaba.

A comezos do ano 1893, participou -xunto con representantes do rexionalismo, coma Salvador Golpe, e do republicanismo, coma Pérez Costales- da mobilización contra o traslado, finalmente truncado, da Capitanía Xeral desde A Coruña, onde tivera o seu asento desde 1840, até León. Formou parte da chamada Xunta de Defensa, un organismo creado con multitudinario apoio cidadán contra o poder centralista, e mesmo padeceu algúns días de cadea xunto con outros corenta membros da devandita Xunta. Este feito, sumado a unha actitude reivindicativa pouco habitual nos homes da Igrexa, outorgoulle celebridade (vid.: “Ramón Bernárdez González: abade da M.I. Colegiata da Cruña”, en Almanaque gallego. Ed. facs. Ano 1895 ; p. 73-74). Porén, a súa vinculación coa ideoloxía liberal e galeguista volve poñerse de manifesto ao participar, en 1907, na constitución da organización agrarista e anticaciquil Solidaridad Gallega. A suá implicación era tal, que non só alentou a publicación de Galicia Solidaria, o primeiro semanario que tivo a organización, senón que convocou e fallou o concurso que premiou o Catecismo Solidario de Carré Aldao.

Ramón Bernárdez González mantivo unha relación tensa coas autoridades eclesiásticas ao  non deixar de cuestionar a súa vinculación cos poderes políticos.

Pertencen á súa autoría as seguintes obras:
Responsabilidad moral. Santiago de Compostela: Imp. de Manuel Mirás y Álvarez, 1883. 
La Eucaristía. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1899.
Liberalismo: ¿quid est?. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1890.
Reseña histórica y descriptiva de Santa María del Campo de la ciudad de La Coruña.Tui: Tipografía Gallega, 1892.
Historia primitiva. A Coruña: Tip. 'La Constancia', 1902. Unicamente deixou publicada a primeira parte.

Publicou, tamén, un artigo no Boletín da Real Academia Galega no que volve sobre o estudo do templo coruñés:
“Sepulcro del primer tercio del siglo XV descubierto en Santa María del Campo de la ciudad de la Coruña”, t.3, n. 29, 1909, pp. 100-106.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete