Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Ángel Amor Ruibal
Caldas de Reis, Pontevedra, 11/03/1869


04/09/1905


Académico fundador


Francisco Díaz-Fierros Viqueira (28/09/2002 - )
Isidoro Millán González-Pardo (17/05/1975 - 12/06/1978)
Manuel Gómez Román (30/12/1951 - 11/11/1964)
Gonzalo Brañas Fernández (27/07/1941 - 02/08/1948)
David Fernández Diéguez (28/03/1925 - 23/12/1936)
Adriano López Morillo (17/11/1910 - 30/01/1913)
José Ogea Otero (27/10/1905 - 03/12/1909)
Ángel Amor Ruibal (04/09/1905 - 27/10/1905)


Naceu o 11 de marzo de 1869 en San Breixo de Barro (Pontevedra) e morreu en Compostela o 5 de novembro de 1930. Foi sacerdote e filósofo, teólogo, canonista e filólogo de inmenso saber.

Amor Ruibal trasladouse a Compostela en 1879 para cursar a carreira eclesiástica, que rematou en 1895, no seminario conciliar da cidade. O 19 de maio de 1894 ordenouse sacerdote e o curso seguinte, 1895-96, ampliou os seus estudos na Universidade Gregoriana de Roma en Linguas Orientais. Rematado o tempo en Roma, regresou á cidade compostelá rexeitando participar en congresos ou conferencias e dedicando o seu tempo a campos tan afastados como a teoloxía, a lingüística, o dereito e os estudos galegos, ademais da filosofía; eixo angular da súa obra.

O seminario de Santiago de Compostela foi elevado en 1897 a Universidade Pontificia e, como integrante da institución, Amor Ruibal foi nomeado profesor de Teoloxía, despois rexentou a cátedra de Dereito Canónico e desempeñou tamén unha cátedra de Linguas Orientais. En canto foi nomeado profesor, publicou os programas correspondentes ás súas materias, escritos en latín o de Dereito Público Eclesiástico e Institucións de Dereito Canónico. No ano 1903 conseguiu por oposición unha coenxía que lle asegurou folganza económica para dedicar o seu tempo ás clases e á investigación. O seu interese nos estudos galegos manifestouse axiña, publicando traballos ocasionais sobre a etimoloxía de Compostela ou sobre as denominacións da rúa do Vilar, de Compostela, no século XII. Os seus traballos e a súa atención cara a nacente preocupación pola cultura galega por parte dos intelectuais rexionalistas levouno a ser nomeado académico de honra da Real Academia Galega en 1906. A súa inquietude pola lingua e a etnografía de Galicia continúa a poñerse de manifesto, por exemplo, no artigo que, no ano 1924, escribiu para o xornal bonaerense Almanaque Gallego baixo o título “La lengua gallega y su léxico etimológico”, ou tamén en “La cruz svástica en Galicia”, publicado en Faro de Vigo o 25 de xullo de 1930.

Na filosofía, como na Filoloxía, Amor Ruibal desbordou o valor da súa época e non foi desactualizado polos avances científicos ou polas mudanzas sociais. Se ben parte da súa obra filolóxica foi recoñecida no seu tempo e mesmo traducida ao italiano, ao holandés e ao húngaro, o conxunto do seu traballo só comezou a ser coñecido tardiamente, debido, en boa media, ao seu illamento persoal. En Galicia, o seu inmenso labor investigador foi traído ata a actualidade moi especialmente polo profesor e tamén membro numerario da Academia Galega, Torres Queiruga.

Amor Ruibal foi correspondente da Real Academia de la Lengua, da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas e da Sociedade Xermana de Filoloxía Oriental, de Berlín, entre outras Academias e Institutos de España e doutros países europeos. A morte interrompeuno cando a súa dedicación investigadora se encontraba a pleno rendemento. Despois, sucedeuno unha dura guerra civil e unha posguerra que non se preocupou de salvagardar o coñecemento humanístico. De todas as publicacións que se lle adxudican non existen certezas, pero si temos a constancia de volumes fundamentais na Filoloxía, na Filosofía e no Dereito que referimos a seguir:

Los problemas fundamentales de la filología comparada: su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas. Madrid: Fernando Fé, 1904-1905.

Esponsales y Matrimonio según el decreto Ne Temere: Expuesto y comentado.Santiago: Imp. do Seminario Central, 1908.

Análisis teológico-canónico del Decreto ne Temere: con conformidad con las últimas declaraciones de las SS. Congregaciones romanas. Santiago de Compostela: [s.n.], 1912.

La Amoción Administrativa de los Párrocos: Exposición y comentarios al Decreto 'Máxima Cura' precedido de un estudio sobre los principios fundamentales del Derecho Penal Canónico. Santiago: Imp. do Seminario C. Central, 1912.

Novísima Legislación Canónica: la amoción administrativa de los párrocos, exposición y comentarios al Decreto Máxima Cura. Santiago de Compostela: Imp. do Seminario C. Central, 1912. 2ª ed.

La Bula Española y sus privilegios según la reforma de Benedicto XV: Exposición y comentarios. Santiago de Compostela: Tip. de 'Diario de Galicia', 1915.

Censuras y penas canónicas según el Código vigente, ordenadas en categorías (según el plan de la Bula Apostólicae Sedis): exposición y comentarios. Madrid: V. Suárez, 1917.

Derecho penal de la Iglesia Católica según el Código Canónico vigente.Madrid: V. Suárez, 1919.

Naturaleza y sobrenaturaleza: obra póstumaSantiago: Seminario Conciliar, 1956.

Cuatro manuscritos inéditos: Los principios de donde recibe el ente la existencia. Naturaleza y sobrenaturaleza. Existencia de Dios. Existencia de Dios según mi exposición. Madrid: Gredos, cop. 1964.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete