Valentín Paz Andrade. Verbas e Feitos

Nas vésperas do Día das Letras Galegas, a Televisión de Galicia transmite o documental Valentín Paz Andrade: Verbas e Feitos
Captura da web da CRTVG. Vese a Salvador García Bodaño
Salvador García Bodaño nunha entrevista do documental da CRTVG


Ademais dos documentos audiovisuais que a CRTVG pon a disposición dos usuarios a través da súa canle temática dedicada a Paz Andrade, a Televisión de Galicia pasou o documental Valentín Paz Andrade: Verbas e Feitos en dúas entregas que puideron visionarse onte e hoxe en horario de sobremesa.

Alfonso Paz Andrade, fillo do homenaxeado; Tucho Calvo, biógrafo; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia; Luís Alfonso Girgado, asesor literario do Centro Ramón Piñeiro; Isaac Díaz Pardo, intelectual e emprendedor; Charo Portela, escritora; Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura Galega e o escritor, e tamén académico, Salvador García Bodaño desenvolven unha achega panorámica a diversos aspectos da vida e da produción do intelectual galeguista.

Para Ramón Villares "Paz Andrade estaba na primeira liña da loita política como demostra, no ano 30, ese famosísimo mítin no García Barbón". En relación a ese mítin do Partido Galeguista, no que Paz Andrade participa a carón de Otero Pedrayo e Castelao, o fillo do homenaxeado considera: "O discurso de meu pai tiña un pensamento económico, un trasfondo de redención práctica do que necesitaba Galicia. Penso que desde aquel intre houbo certas mudanzas no pensamento de Castelao. Polo tanto, tiña adoración por Castelao".

Da súa vertente literaria, Méndez Ferrín observa "unha poesía en concordancia coa do seu compañeiro de xeración, Neruda. E unha poesía con vocación social, vocación política, na mellor tradición de Curros e de Cabanillas".

No que atinxe á súa produción ensaística, a escritora Charo Portela defende a necesidade de recompilar a totalidade da súa obra, pois, espallada en publicacións galegas e estranxeiras, dá conta da inxente e diversa actividade que desempeñou, desde moi pronto na súa vida, Paz Andrade.

Finalmente, o presidente da Academia lamenta a tardía entrada do noso homenaxeado na institución. E sinala: "Perdeuse a oportunidade de que estivese na Academia dese os anos 30. Daríalle á Academia unha dimensión especial; a dimensión da responsabilidade da cultura galega en relación coa economía".

Os dous vídeos que compoñen o documental xa poden visualizarse en liña na web da CRTVG.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar