Unha carta de Francisca Herrera Garrido

Nada na Coruña o 6 de marzo de 1869, a escritora Francisca Herrera Garrido foi a primeira muller escollida membro numerario da Academia, o 4 de marzo de 1945.
Francisca Herrera Garrido
Francisca Herrera Garrido


Considerada no seu tempo a sucesora natural de Rosalía de Castro, a obra de Herrera Garrido abrangue media ducia de títulos de poesía e narrativa en galego, entre as que salientamos Almas de muller ...¡volallas na luz!, no eido da lírica, e a novela Néveda, de 1920, a primeira escrita na nosa lingua de autoría feminina.

Os seus indiscutibles méritos literarios fixérona merecente, como xa indicamos, de ser elixida académica numeraria o 4 de marzo de 1945, se ben por motivos de saúde non puido chegar a celebrar nunca o seu acto de recepción. Malia isto, é considerada académica de pleno dereito, e como data de ingreso estímase a da súa elección.

Sobre a cuestión da súa mala saúde trata precisamente esta carta que reproducimos aquí, enviada o 11 de abril de 1945 –é dicir, aproximadamente un mes despois da súa elección como académica- ao daquela presidente desta institución, Manuel Casás. Nela, a académica electa maniféstalle ao presidente que xa ten escrito o discurso de recepción, autorízao a facer nel as correccións que estime oportunas, agradécelle a data elixida para o seu acto de recepción e desculpa as demoras debidas á súa enfermidade: "La demora que debido a una de las frecuentes indisposiciones de mi enfermedad."

Unha transcrición desta carta pódese ler aquí.

En 1987, a Academia dedicoulle a Francisca Herrera Garrido o Día das Letras Galegas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete