Sarmiento e o 'Onomástico', un "fito senlleiro" na historiografía da lingua

O 9 de marzo de 1695 nacía en Vilafranca do Bierzo Pedro Xosé García Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento. Precursor da filoloxía románica moderna, foi unha das primeiras voces en reivindicar a valía do galego para se expresar en todos os ámbitos, desde o ensino e a administración á liturxia. Unha das súas obras, o Onomástico etimológico de la lengua gallega, foi analizada con detalle por Xulio Francisco Ogando no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, dispoñible desde hoxe en academia.gal.
Frei Martín Sarmiento.

"Fr. Martín púxose a escribir unha obra centífica, enteiramente centífica, mais cunha clarísima, e ate obrigada, finalidade docente", salientou Xulio Francisco Ogando na súa intervención, Tres fitos senlleiros na historiografía da lingua galega: 1768, 1868 e 1968, que tivo lugar no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense o 18 de abril de 1980. Neste texto, o académico explica a través do que deixou escrito o propio Sarmiento cal era o obxectivo do Onomástico.

"Meu intento non é introducir voces extranas no idioma galego. Redúcese a propoñer aos galegos eruditos e curiosos que recollan e coordinen as voces galegas que actualmente se falan en todas as terras de Galicia, e que fagan maís aprecio da lingua que mamaron. Non digo que postos en Castela falen galego, senón que non fagan estudo por esquencer o seu idioma por agradar aos casteláns. Deben sacudirse con aire de aquiles idiotas e mentecatos, que, si escoitan falar en castelán a algún galego, e se lles escapa algunha voz, frase, pronunciación e acento de Galicia, soltan a gargallada da risa borriqueña", expresou Sarmiento sobre esta obra. "Dirán outros que me teño apartado do asunto de un Onomástico de la lengua gallega. [….] Aos demais respondo que o fin principalísimo de istes papeis é despertar aos galegos do profundo sono no que teñen vivido deica eiquí no tocante ao seu propio idioma", engadiu Frei Martín.

Sarmiento comezou a escribir o Onomástico en 1757 e rematouse o 17 de agosto de 1768, segundo o manuscrito que tivo en conta Xulio Francisco Ogando para datar a conclusión. Ademais de deterse nesta obra, o académico analizou ao ingresar na RAG a Gramática gallega, de Saco e Arce (1868), e a publicación d'O Misal Galego (1968). "Matino que cada un de ises intres, cronolóxicamente distantes pola mañitude de un século, amosa e confirma a rexa vontade de supervivencia da nosa lingua e a espranza cobizosa do seu trunfo e consagración definitiva", defendeu na cerimonia.

A edición do discurso de Xulio Francisco Ogando, dispoñible na sección "Publicacións" de academia.gal, elaborouse a partir dos mecanoscritos orixinais custodiados no arquivo da Real Academia Galega e da edición publicada pola Xunta de Galicia no ano 1980.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete