Samuel Eiján, o poeta da transcendencia

Horas máis horas meu reló siñala. / O tempo, n'a sua esfera prisioeiro, / cravadas ten as âas o minuteiro / c'o que seus pasos o reló lle igoala. / N'a noite escura, mentres naide fala, / coma cando o sol brila agasalleiro,/ ¿por qué o tempo, tirán d'o mundo enteiro /sólo diante o reló s' abaixa e cala? No ano 1915 saía do prelo da Tipografía de El Eco Franciscano, con versos coma estes, Da y-alma, o segundo libro de poesía en galego de Samuel Eiján (Leiro, Ourense, 1876 – Santiago de Compostela, 1945). Naquela altura o franciscano era xa o poeta relixioso galego máis coñecido do seu tempo, ademais dun prolífico ensaísta sobre a materia. Pero co paso do tempo a súa obra e a súa figura ficaron esquecidas. Co propósito de recuperalas, a Real Academia Galega, a Provincia Franciscana de Santiago e a Xunta de Galicia celebraron este xoves no convento de San Francisco de Compostela a xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega.

Participantes no programa da xornada e familiares de Samuel Eiján tras o peche do encontro. Fonte: RAG


A xornada incluíu diversas intervencións que deitaron luz sobre a creación e o pensamento do autor no seu tempo. Neste marco foi presentado Samuel Eiján. Poesía reunida, volume que recompila os libros de poesía en galego publicados polo homenaxeado, nunha edición a cargo do historiador Francisco Leira e o crítico literario Armando Requeixo, e publicado tamén polas tres institucións organizadoras do encontro.

O programa, que contou coa colaboración do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega, concibiuse como unha celebración mais tamén como unha descuberta "na medida en que na historia das nosas letras segue habendo territorios poucos visitados, como é o caso da lírica relixiosa no noso idioma", salienta o presidente da Real Academia Galega. A figura de Samuel Eiján, engade Víctor F. Freixanes, contextualízase no primeiro terzo do século XX, o tempo das Irmandades da Fala e do galeguismo cristián que tiña como referencia o arcebispo Manuel Lago González, mais tamén na tradición franciscana que tivo como vehículo de expresión El Eco Franciscano, publicación periódica na que Eiján participou desde moi novo e da que chegou a ser director.

"Desde a Consellería de Cultura e Turismo satisfainos contribuír á actualización da vida e obra dun persoeiro tan eminente como Samuel Eiján", valora o secretario xeral de Política Lingüística. "Consideramos que a xornada e o volume Poesía reunida lles ofrecen aos especialistas, e tamén á cidadanía en xeral, un acceso doado a unha escrita que levaba un século fóra de circulación por non seren reeditados desde hai décadas os seus poemarios publicados", sinala Valentín García. "A recuperación da poesía de Samuel Eiján supón un fito moi relevante na visibilización dos camiños converxentes da espiritualidade e a transcendencia galega e mais a poesía na nosa lingua", reflexiona.

Samuel Eiján destacou tamén na xerarquía da súa orde. Con 27 anos, en 1903, foi nomeado superior da basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén. En 1908 regresou a Galicia, onde desempeñou distintos cargos: superior de Ribadavia, ministro provincial da Provincia Seráfica de Santiago, custodio provincial ou comisario de Terra Santa desde 1933 ata o seu pasamento, entre outros.

A reedición dos libros en galego de Samuel Eiján e as intervencións da xornada son tamén "unha boa nova porque se está a recuperar unha figura importante dentro da orde franciscana, en concreto da Provincia Franciscana de Santiago, pois Samuel Eiján foi uns dos grandes literatos da mesma", expresa pola súa banda o ministro da Provincia Franciscana de Santiago, para quen a obra de Eiján "segue vixente e con moitas cousas que dicir nun presente". José Antonio Castiñeira Chouza considera ademais o exemplo de Eiján como "unha mostra da importancia que no mundo das letras tivo a Provincia Franciscana de Santiago". Foi, de feito, unha persoa influínte no eido literario do seu tempo, como demostra a súa pertenza tanto á RAG como ao Seminario de Estudos Galegos, detalla. "Nun período complexo, e a pesar da educación relixiosa do seu tempo, soubo adaptarse ao seu contexto", conclúe.

A xornada arrincou no convento de San Francisco cunha primeira mesa, presentada por Belén Bouza, que contou cunha primeira achega ao autor a cargo de Francisco Leira, unha análise do tempo e o pensamento do relixioso. Deseguido Armando Requeixo falou da "teopoética galega" de Samuel Eiján e José R. Rodríguez Lago profundou na relación entre o clero católico e o galeguismo. O serán concluíu coa presentación do volume Samuel Eiján. Poesía reunida que contou coas contribucións do presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e Juan Manuel Buxán.

Da relixiosidade á exaltación patriótica
O libro Samuel Eiján. Poesía reunida recompila a primeira e a segunda edición de Mágoas, publicadas en 1902 e 1913; Da y-alma, saído do prelo en 1915; e os poemas do volume Froliñas de San Francisco. Romanceiro seráfico galicián (1926), "que acabaron de confirmalo como o poeta da transcendencia na Galicia dos primeiros lustros do XX", valora Armando Requeixo. Nos tres libros a escrita de Eiján vai da súa terra, Galicia, ao ceo de Deus, "da transitoriedade do vivir terreal á magnificencia da eternidade celestial", con subtemas como a saudade da infancia, o laio pola dureza da emigración, a loa de Deus ou a atención á institución e culto relixiosos, analiza o crítico no seu estudo introdutorio.

Completan a edición os poemas en galego de Aleteos (1926), incluídos na sección titulada "En la lengua de mi tierra". Entre eles figura a composición "Galicia", presentada a un concurso literario en 1918 baixo o lema "¡De pé, gallegos!", un canto de exaltación patria que deixa clara a súa débeda cos versos de "¡En pé!" que Ramón Cabanillas dedicara a Lois Porteiro Garea en Da Terra asoballada. Este poema "sorprende dentro da produción do autor pola súa contundencia no ataque a aqueles que asoballan e aldraxan a nosa terra cun centralismo explotador que condena á escravitude ao pobo galego", indica Armando Requeixo.

Francisco Leira analiza o contexto sociopolítico e o pensamento de Fraysel, o principal pseudónimo que empregou Samuel Eiján. O autor, sinala o historiador, viviu un dos momentos máis convulsos no social, político e cultural para o mundo católico. Neste escenario, "defendeu o catolicismo sen perder de vista a súa educación conservadora e tradicionalista, pero cun ollo posto nos novos momentos". "Foi un frade que soubo ver máis aló do presente", considera. No que atinxe á relación coa súa terra, apostou por "un galeguismo cultural, tinguido dun uso da tradición galega e tamén baseado nas ensinanzas franciscanas".


Pola esquerda, José R. Rodríguez Lago, Francisco Leira e Armando Requeixo. Fonte: RAG

 


Dolores Vilavedra intervén na presentación do libro, nunha mesa na que tamén participaron Justo Beramendi e Juan Manuel Buxán. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete