Rosario Álvarez comparte en Donostia experiencias sobre as gramáticas do século XXI

A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, participou este xoves en Donostia na xornada sobre as gramáticas no século XXI organizada por Euskaltzaindia. O encontro acolleu a presentación do texto entregado pola comisión encargada de elaborar a Euskararen Gramatika e serviu de foro para compartir as experiencias neste eido das outras linguas do Estado.

Rosario Álvarez intervén na xornada. Fonte: Euskaltzaindia


Rosario Álvarez indicou que o equipo que traballa na gramática que publicará a RAG agarda presentar o borrador a finais de ano. A obra case duplicará a extensión inicial prevista e será de formato grande. Seguindo a liña doutras gramáticas actuais coma a nova do catalán, da portuguesa editada pola Fundação Calouste Gulbenkian ou da Nueva gramática de la lengua española, a da Real Academia Galega describirá o estándar dando tamén cabida á variación gramatical.

A xornada celebrada na sede de Donostia de Euskaltzaindia arrincou coa presentación da Euskararen Gramatika por parte do académico Pello Salaburu, director da comisión responsable do texto. O programa continuou cunha mesa redonda que contou coas achegas de Rosario Álvarez por parte da RAG, Gemma Rigau polo Institut d'Estudis Catalans e Ignacio Bosque pola Real Academia Española. A posta en común de experiencias amosou as notables coincidencias no concepto do que debe ser unha gramática actual, que supera o carácter excesivamente prescritivo de outrora.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete