Rosalía no xornal 'Galicia'

Entre o número 2 e o 91, é dicir, entre o 26 de xullo e o 7 de novembro de 1922, o xornal Galicia, dirixido por Valentín Paz-Andrade, publicou, a xeito de folletín, a novela El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro.
Fragmento de El caballero de las botas azules publicado no xornal Galicia
Fragmento da novela publicado o 19 de setembro de 1922

 

Aviso de lectura de El caballero publicado o 26 de xullo de 1922
Aviso de lectura publicado o 26 de xullo de 1922

El caballero de las botas azules, publicada orixinalmente en 1867, é unha novela na que se mesturan elementos do xénero fantástico, da sátira social e da novela de costumes. No extenso limiar dialogado desta obra que reproducimos aquí, un dos personaxes, "Hombre", invoca a Musa para solicitarlle a inspiración literaria que lle asegure unha fama inmortal. A conversa entre ambos adquire, emporiso, un ton franco e burlesco moi afastado do estilo solemne adoito nestes casos.

No segundo número do Galicia, do 26 de xullo de 1922, un redactor do xornal, probablemente o propio Valentín Paz-Andrade, introduce e xustifica a publicación da novela rosaliana, salientando o parentesco do seu humorismo co de Eça de Queiroz, e a necesidade de dar a coñecer entre o público galego a narrativa de Rosalía de Castro, moito menos popular que a súa obra lírica. Ademais, no derradeiro fragmento desta obra, publicado o 7 de novembro de 1922 no Galicia, inclúese un pequeno panexírico da poeta do Sar a cargo de Prudencio Canitrot.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete