'Remeiro son', de Manuel Lueiro Rey

A obra poética de Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916 – O Grove, 1990) caracterízase polo seu rexo compromiso político e a súa sobriedade expresiva.
Manuel Lueiro Rey
Manuel Lueiro Rey. (Imaxe tirada da súa páxina oficial)


Remeiro son
Quixera racha-la auga como un vidro,
fuxindo de todo o que apodrece
no fondo da cobiza.

Quixera racha-los peitos
dos monstros que aínda petan
nas portas das casas onde aniñan
as facianas dos nenos
famentos da verdade do soño e das surrisas.

Quixera racha-las ameazas
dos que medren co cheiro da calunia
e ao lombo levan cen máscaras de espellos.

Quixera ollar seráns escurecidos
sen sombras incertas, sen feridas,
co recendo sinxelo de homes ceibes
que aínda non morreron.

Canle do meu río,
suor do rosto humán do pensamento:
Son remeiro que ergo o remo na memoria
co meu cabelo solto,
i o corazón carregado de relembros.

Inútil é a lenda
do heroe que se esquence.

Inútil a embestida
da espranza dando voltas
no ardís da bulra da imaxe que non chega.

Os deuses non teñen calivera.
Están xordos e cegos.

¡Ou, Hamlet!
Deus Padre sen memoria,
sen raigañas,
morto no tempo.

Nova escolma ferida (Ediciós do Castro, 1988)

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cuberta do Boletín 380

Boletín da Real Academia Galega
nº 380

 

Cursos de Verán 2020


Toda a información
nesta páxina

 

Cadernos de Lingua
nº 37

 

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)

 

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

 

Hemeroteca Virtual
Galicia nas páxinas dos seus xornais.