Presentación de 'A idea na palabra' con textos de Lugrís Freire

Nesta colectánea recóllense poemas, pezas xornalísticas, manuscritos, fotografías e material inédito de quen foi o cuarto presidente da Real Academia Galega.
Manuel Lugrís Rodríguez, Manuel Pérez Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Soraya Salorio e Francisco Pita
Manuel Lugrís Rodríguez, Manuel Pérez Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Soraya Salorio e Francisco Pita


Na presentación do libro, celebrada no salón de actos da Academia, estiveron presentes o presidente desta corporación, Xesús Alonso Montero; o historiador e editor da obra, Manuel Pérez Lorenzo; o presidente da Asociación Irmáns Suárez Picallo, Francisco Pita; a concelleira de Cultura e Deportes do Concello de Sada, Soraya Salorio Salorio e o neto de Manuel Lugrís Freire, Manuel Lugrís Rodríguez.

"Hoxe preside este acto Manuel Lugrís Freire, designado presidente da Academia tal día como hoxe de hai oitenta anos, o 28 de abril de 1934", empezou dicindo Alonso Montero, autor do limiar de A idea na palabra, e engadiu: "Lugrís Freire foi durante toda a súa vida un militante da cultura galega, a el debémoslle, entre outras moitas cousas, o primeiro discurso político dado en galego, o 6 de outubro de 1907, e unha Gramática do idioma galego, publicada en 1922, que constituíu unha ferramenta moi valiosa naqueles tempos de anarquía normativa, e que expresa á perfección o fondo compromiso de Lugrís na construción da nosa cultura, pois acometeu a escrita desa Gramática sen ser el mesmo un filólogo".

Manuel Pérez Lorenzo
Manuel Pérez Lorenzo

O editor da obra, Manuel Pérez Lorenzo, logo de expresar os seus agradecementos á Asociación Suárez Picallo, á Deputación da Coruña, ao Concello de Sada e á propia Academia pola súa colaboración na publicación da obra, fixo na súa intervención un resumo do contido desta colectánea na que se escolmaron desde textos poéticos escritos na Habana nunha data tan temperá como 1884, ata textos en prensa de carácter doutrinario nos que Lugrís Freire exerce como ideólogo galeguista, e tamén cartas, pezas manuscritas e fotografías inéditas. En palabras de Pérez Lorenzo, "Lugrís Freire foi, sobre todo, un activista social e político, e este feito, agochado por razóns políticas durante moito tempo, impediu unha completa comprensión da súa obra, pois se Lugrís escribiu, fíxoo por necesidade política".

Manuel Lugrís Rodríguez, neto do homenaxeado, recuncou nesta concepción militante e proselitista do labor cultural de Lugrís Freire, un feito agochado por razóns políticas durante o Franquismo, e rememorou, ademais, un episodio ilustrativo da vida do mariñán cando, tras a aprobación do Estatuto de Galicia do 36, en cuxa redacción el participara persoalmente, comunicou aos seus achegados: "Agora por fin podo morrer en paz".

Imaxe do público asistente ao acto
Imaxe do público asistente ao acto

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 21 de marzo de 2019 / 19:30 h
Homenaxe da RAG a Salvador García-Bodaño no Día da Poesía
Martes 26 de marzo de 2019 / 19:30 h
Comba Campoi e Manuel Lorenzo falan sobre os monicreques de Barriga Verde
Sábado 6 de abril de 2019 / 12:00 h
Pleno extraordinario de recepción como académica de Ana Romaní - Noia

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar