Plenario extraordinario da RAG centrado en Celso Emilio Ferreiro

Con motivo da celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro, a Real Academia Galega celebrou un plenario extraordinario en Celanova, vila do insigne poeta.
Panorámica do Pleno
Imaxe do pleno [ Fotografías de Xoán Crespo / Xunta de Galicia]


A xornada deu comezo ás 11:30 horas cunha recepción na Casa do Concello. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar Blanco; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Asistiron tamén o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, os deputados Ana Belén Vázquez, Manuel Vázquez, Santiago Rodríguez-Miranda e Francisco Cerviño, académico correspondente desta corporación, entre outras autoridades, membros da Academia, e figuras da cultura.

Tras a recepción, autoridades, académicos e público asistente, trasladáronse en cortexo cívico ata a casa natal do poeta, no número 25 da rúa Curros Enríquez. En primeiro lugar, tomou a palabra Antonio Mouriño, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, que agradeceu, "no nome do pobo de Celanova", a colaboración da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega no desenvolvemento do ano Celso Emilio Ferreiro. Mouriño lembrou algúns dos proxectos levados a cabo na vila, como 'Cen anos, cen comercios, cen poemas', 'Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio' ou o debuxo, plasmado na Praza Maior, á semellanza daquel que Picasso deseñara para ilustrar o libro de poemas Longa noite de pedra, que favoreceron a visita de preto de 2.000 alumnos ao longo deste curso.

A continuación interviu Luís Ferreiro Loredo, fillo do homenaxeado e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, que subliñou "a voz rexia, contestataria e de protesta" da poesía de seu pai e, ao mesmo tempo, a súa vixencia hoxe en día, "que se expresa en músicas novas coma o rap e o punk". Rematou a súa intervención cuns versos do poeta.

A seguir, o presidente da Academia recoñeceu a Celso Emilio como "meu amigo, meu mestre, meu camarada" e considerouno "un poeta xemelgo, ou paralelo, de Curros Enríquez", por teren sido ambos os dous poetas críticos en tempos escuros e de "talento literario fastuoso". Finalizou clasificando o homenaxeado coma "un grande poeta e un grande home" que "está perfectamente vivo entre nós".

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou a continuidade da cultura galega a través da historia e a importancia da vila de Celanova como berce de poetas senlleiros. Salientou o papel do poeta para a comunidade e afirmu "Celso Emilio non calou, por iso nin a alegría, nin a luz, nin a esperanza se apagaron", por iso "hai cen anos que naceu a súa palabra e non esmorece".

Para rematar o acto, a banda de música de Celanova, interpretou o himno galego.

Margarita Ledo dirixíndose ao público no plenario de Celanova
Margarita Ledo lendo o seu discurso

O cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, "Celso: editor clandestino", na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou "a importancia da forma na configuración do nacionalismo" e "a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral". Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se "desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista". Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: "a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan".

En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana Yanes destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: "foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura". Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois "chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino". Para Darío Xohán Cabana, "Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar".

A continuación, o académico e vicesecretario, Francisco Fernández Rei, expuxo unha alocución sobre a lingua de Celso Emilio, especialmente, a lingua de Celanova na súa obra. Segundo explicou o académico, os textos do homenaxeado manifestan solucións aurienses, isto é, propias da súa zona, como o uso da forma il, para o pronome persoal, e outras alleas, como a forma ista, para o demostrativo, procedente do galego literario e creada con vontade diferencialista. Sinalou, neste sentido, un abundante uso de hipergaleguismos, como as formas asembrea e outo, no canto de asemblea e alto, na tradición diferencialista oteriana; a introdución dalgúns lusismos adaptados ao galego, como a palabra búsola; e a formación de palabras novas, como afermosar ou televexo, un termo que o Tesouro Informatizado da Lingua Galega rexistrou, por vez primeira, na obra de Celso Emilio.

Por último, o académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui, interviu cun discurso arredor da complexidade vital e da obra do homenaxeado. Recoñeceu en Celso Emilio "o poeta de maior difusión social", despois do Rexurdimento. "En cidades e vilas daquel tempo, homes e mulleres comprometidos, repetían lecturas ou as entonaban cos representantes da Nova Canción Galega". García-Bodaño coincidiu co profesor e académico Alonso Montero en que "n'O soño sulgado se asenta a soeira da mellor poesía vindeira de Celso Emilio". Por último, leu un poema elexíaco da súa autoría dedicado ao poeta de Celanova co título "Palabras para o seu retorno posible".

Antes de pechar a sesión, o presidente da Academia defendeu que o poeta celanovés "debe ser comprendido como unha totalidade" e considerouno coma un poeta "globalmente dominado pola sensación da perda: a perda patria primitiva, que el chama Celanova, que é a perda da infancia". Reivindicou, asemade, a potencia da obra e da figura de Celso Emilio, "suxeito histórico que actúa sobre a literatura galega, condicionándoa, pois impón unha maneira de entender a literatura social". Neste sentido conclúe: "a literatura galega, grazas a Celso Emilio Ferreiro, ten unha historia distinta da literatura española. É autónoma". Finalmente, celebrou a vitalidade de Celso Emilio Ferreiro e afirmou que "as súas palabras non se perderán nunca en Galicia".

O presidente pechou a sesión plenaria e, como colofón, tivo lugar unha actuación do recoñecido cantautor Amancio Prada, que interpretou poemas musicados do poeta celanovés.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete