"Os temas que presentan as estampas de 'Nós' son galegos, pero a lección que predican é universal"

As cabeceiras A Nosa Terra e mais El Sol anticiparan 17 das 49 estampas que logo conformarían o álbum Nós, creadas por Castelao entre 1916 e 1918, pero foi o 2 de marzo de 1920 cando por fin unha exposición permitiu ver por primeira vez xuntas todas estas pezas nas que o artista se valeu con mestría do debuxo humorístico na súa concepción seria para denunciar as miserias da Galicia do seu tempo. Cen anos despois daquel serán coruñés, Miguel Anxo Seixas Seoane presentou onte na mesma cidade, na sede da Real Academia, o primeiro tomo da súa biografía do intelectual de Rianxo, unha obra que aborda como nunca antes se fixera "o Castelao completo", salientou o académico Ramón Villares.

Miguel Anxo Seixas Seoane, segundo pola esquerda, intervén na presentación do libro, acompañado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o académico Ramón Villares e a profesora Dolores Vilavedra. Fonte: RAG


Miguel Anxo Seixas Seoane estivo acompañado na presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 (2019) polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; Dolores Vilavedra, en representación da Editorial Galaxia; e o catedrático da USC e académico Ramón Villares, presidente do tribunal da tese en que se basea esta ambiciosa publicación. O volume é a primeira de tres entregas desta biografía que verán a luz na colección Grandes Biografías de Galaxia e aborda o período da vida do intelectual no que se consolidou como un artista de referencia.

A biografía de Castelao que Miguel Anxo Seixas Seoane leva ás librarías é froito de "moitos anos de traballo", salientou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. O autor completou unha revisión exhaustiva dos fondos relacionados co intelectual espallados por distintas institucións e bebeu tamén de información facilitada por particulares a ambas as beiras do Atlántico. "Intentei facerlle xustiza a Castelao porque é unha figura indiscutible. E para iso procurei falar non tanto del como da súa relación co mundo e coas persoas. Quería baixalo da peaña e entender por que fixo as cousas que fixo", explicou o historiador.

O resultado é "unha obra para a posteridade" pola súa ambición documental e pola dimensión da figura histórica que explica e contextualiza, valorou Dolores Vilavedra. Ramón Villares tamén felicitou o autor por poñer fin á carencia que existía ata o momento dunha biografia que abordase "o Castelao completo". "Estamos a falar dunha figura que en parte é un símbolo, recoñecido polo pobo común e polas elites, pero a mitificación xa a coñeceu en vida, en Buenos Aires", salientou o académico.

Cen anos da primeira exposición das estampas de Nós
A presentación na RAG da primeira entrega da biografía de Castelao tivo lugar o mesmo día do centenario da inauguración da primeira exposición dos debuxos que logo recollería o álbum Nós, unha mostra que se desenvolveu por iniciativa das Irmandades da Fala da Coruña. Tras un intento frustrado de proxectala no pazo municipal en agosto de 1919, foi acubillada pola Unión Recreativa do Círculo de Artesáns, na rúa Santo André. "A sinxela inauguración no salón de festas do Círculo da colectánea de Nós foi o martes 2 de marzo, ás sete da tarde, como anunciaba a prensa. O acto foi sinxelo por imposición del", conta Miguel Anxo Seixas Seoane nas páxinas dedicadas a estas estampas nas que Castelao "amosa as contradicións do pobo galego".

"Nestes debuxos Castelao ensina só o que veu e que ve, pero asemade denuncia e comprométese moralmente. O soporte, o sintético debuxo ou a augada e o breve texto en galego sobre un pequeno papel, era moi eficaz xa que podía ser entendido por todos os espectadores. Esta Galicia era coñecida por uns e por outros, por explotados e explotadores, e debeu de desacougar os que saben e son cómplices, os que saben e calan, e os que non o saben, porque nunca antes un ilustrador ousara presentar esas inxustizas en público", analiza o historiador. E aínda que os temas que ilustran son galegos no seu contexto, "a lección que predican é universal". "Os seus puntos de vista, os seus xuízos, os seus valores, as súas críticas e as súas ironías poden ser de calquera lugar. Unha universalidade que se funda na súa concreción", conclúe.


O público seguindo a presentación. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete