Os Premios da Cultura recoñecen a traxectoria de Xesús Alonso Montero

Os Premios da Cultura deste ano recoñecen a traxectoria do académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), galardoado na modalidade de Letras. O xurado, reunido onte, tamén distingue a Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie O sabor das margaridas, a profesora Pilar Ponte, a restauración do Pórtico da Gloria e o proxecto ‘Galego en Londres' nas modalidades de Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.

Xesús Alonso Montero. Fonte: RAG


Xesús Alonso Montero é un recoñecido filólogo e historiador da lingua galega. En 1993 ingresou na Academia co discurso "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da posguerra na Galicia da terra e na Galicia emigrante (1939-1962) e entre 2013 e 2017 foi o presidente da institución. O profesor é autor dunha extensa obra que abrangue ensaios sobre a situación da lingua galega dende os tempos do franquismo, edición de antoloxías ou libros sobre escritores galegos do século XIX e XX. O seu último libro ata o momento, no que rescata o primeiro manual de galego para alumnos de instituto (1919), viu a luz na colección Letras da Academia.

Licenciado en Filosofía e Letras (especialidade de Filoloxía Románica) na Universidade Central de Madrid no ano 1953, foi primeiro catedrático de lingua e literatura españolas de escolas de maxisterio e a partir de 1959 pasou a selo de instituto. En 1966 doutorouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca cunha tese sobre a lingua e estilo de Curros Enríquez. Oito anos despois incorporouse como docente á Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a catedrático de Literatura Galega en 1999.

O xurado dos premios, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse onte no Gaiás. Este recoñecemento á traxectoria de Xesús Alonso Montero súmase a numerosas distincións, entre elas a de doutor honoris causa pola UNED, que recibiu coa lectura do discurso Como cantaron e contaron a Miguel Hernández os poetas galegos nos anos do franquismo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete