O primeiro Quixote en galego

O 22 de abril de 1616 falecía un dos autores máis sobranceiros da literatura universal, Miguel de Cervantes Saavedra. Catro séculos despois a súa obra máis coñecida, El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha, está vertida a máis de medio cento de idiomas, entre eles o galego. A primeira tradución completa á nosa lingua publicada, a través de Xuntaza Editorial, saíu á luz a comezos dos anos 90, pero foi hai case cen anos cando por primeira vez se puido ler un fragmento d'O Quixote en galego. Foi nas páxinas d'A Nosa Terra e o responsable, Antón Valcárcel.

A tradución asinada por quen foi un dos membros fundadores das Irmandades da Fala, a primeira dun texto cervantino ao galego, é dun framento do capítulo XI da primeira parte d'O Quixote, correspondente ao coñecido como o discurso da Idade de Ouro, título que Antón Valcárcel traduciu como "O sigalo d'ouro". O texto escollido narra como o protagonista da novela pronuncia ante uns cabreiros, que o escoitan "embobados", unha diatriba contra o momento histórico que lle tocou vivir, "ista nosa idade de ferro", que contrapón á Idade de Ouro da mitoloxía grega, na que "non se misturara a fraude, o engano nin a mala voluntade ca verdade", traduciu Valcárcel. O texto foi publicado no sexto número d'A Nosa Terra, en febreiro de 1917.

O Quixote visto por Abelenda

Xa nos anos 70 do século pasado, Juan Beceiro Amado levou a cabo a primeira tradución íntegra ao galego d'O Quixote. A Real Academia Galega conserva unha copia do manuscrito, doado polo seu fillo. Nesta ligazón pode descargar a primeira páxina da novela vertida ao galego polo xeneral.

Pero a primeira edición completa da obra máis universal de Cervantes en se publicar é froito dun traballo colectivo, dirixido por Valentín Arias e no que participou un equipo de tradutores composto por el mesmo, Xela Arias, María Xesús Senín, María Xosefa S. Fernández, Xosé Antón Palacio e Xavier Senín. A obra saíu do prelo nunha coidada edición con ilustracións de Laxeiro, Abelenda, Lodeiro, Conde Corbal, Manuel Torres, Sucasas, Alfonso Costa, Moldes, Correa Corredoira, C. Beiro, Antón Lamazares, Virxilio, A. Datas e Leopoldo Nóvoa. A Biblioteca da Real Academia Galega custodia un dos exemplares desta edición príncipe, que tamén pode verse na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.

Nestoutra ligazón pode descargarse o comezo d'O Quixote da primeira edición da tradución dirixida por Valentín Arias.


Manuscrito da tradución ao galego d'O Quixote de Juan Beceiro

 


Detalle da primeira páxina da novela traducida ao galego da edición príncipe de Xuntanza Editorial
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cuberta do Boletín 380

Boletín da Real Academia Galega
nº 380

 

Cursos de Verán 2020


Toda a información
nesta páxina

 

Cadernos de Lingua
nº 37

 

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)

 

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

 

Hemeroteca Virtual
Galicia nas páxinas dos seus xornais.