O Premio Rosa dos Ventos 2018 recoñece a Fina Casalderrey

A lectura dos libros de Fina Casalderrey deixou pegada nos mozos e mozas do Instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires. "Mergulláronnos na marabillosa cultura galega, a cal defendemos e defenderemos tendo a Fina -xunto a outros insignes intelectuais- como guieira". Así queda reflectido na resolución da última edición dos Premio Rosa dos Ventos, que concede anualmente o alumnado de quinto de bacharelato deste centro arxentino-galego. A escritora e académica é a gañadora deste ano por decisión dun xurado que, xunto á calidade da súa obra e a súa "defensa comprometida da lingua galega", quixo salientar o seu carácter.

Fina Casalderrey, no centro da imaxe, co alumnado do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo durante a súa visita á Academia o pasado mes de setembro. Fonte: RAG


"Fina tiña que ter a nosa Rosa dos Ventos", expresan os mozos e mozas que resolveron o galardón, que valoran tamén a condición da académica como docente. "É ante todo mestra, e iso nótase cando un a escoita. Achega os conceptos dun xeito amable, sen estridencias, con agarimo...", engaden sobre unha autora que puideron coñecer en persoa e que, "malia ser unha das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil", é unha persoa de "talante modesto, respectuoso, cariñoso, cercano eoptimista".

En edicións anteriores, o Premio Rosa dos Ventos recoñeceu tamén o labor do actual presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, os académicos de número Manuel Rivas e Henrique Monteagudo, o músico Carlos Núñez, Luís G. Tosar e o físico Jorge Mira, membro correspondente da RAG. "Xa ía sendo hora de que unha muller gañase o noso premio. Cremos na diversidade do mundo e, por iso, tamén cremos na igualdade de xénero. Non entendemos a discriminación e apostamos por intensificar o rol da muller neste século, tal e como defende Fina", conclúen os responsables da concesión do premio.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete