O Pleno da RAG oficializa a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a vacante de Xosé Neira Vilas

No Plenario ordinario celebrado pola Real Academia Galega esta mañá oficializouse a proposta de Marilar Aleixandre para cubrir a vacante producida polo pasamento do académico de número Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. A candidatura someterase a votación no vindeiro Pleno.

Logo da RAG

A vacante de Xosé Neira Vilas proclamárase o pasado 11 de decembro, no primeiro Plenario ordinario celebrado tras a súa produción, tal e como establece o Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. De igual xeito, na sesión de hoxe declarouse a vacante rexistrada polo falecemento de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro.

As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do Plenario posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe ir avalada polas sinaturas de tres membros de número da Academia. Unha vez oficializadas, sométense a votación no seguinte Pleno.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela. Como escritora, a súa obra está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais unha morea de premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.

Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete