O IES de Cotobade constitúe unha nova Sociedade da Lingua para defender o futuro do idioma

Sendo aínda estudante de bacharelato en Pontevedra, Antonio Fraguas fundou en abril de 1924, canda outros compañeiros, a Sociedade da Lingua. A iniciativa plasmaba por primeira vez sobre o papel o seu compromiso co idioma propio, a lingua que aprendera no seu Cotobade natal e que mantería toda a vida. Noventa e cinco anos despois, o instituto da localidade rendeulle homenaxe o pasado sábado constituíndo simbolicamente unha nova Sociedade da Lingua. No acto alumnos e alumnas do centro presentaron o manifesto Desde Cotobade para o mundo, no que reivindican medidas para frear a perda da transmisión interxeracional do galego.

Alumnado, profesorado,familias e representantes de distintas institucións participaron na homenaxe a Fraguas do instituto do seu concello natal. Fonte: IES de Cotobade


No manifesto, o alumnado e as institucións asinantes animan os pais e nais cotobadeses, da comarca e de Galicia enteira a a empregar o galego como primeira lingua cos seus fillos e fillas, convidan a que todo tipo de organizacións e colectivos fagan tamén do galego a súa lingua de uso habitual e instan os demais centros educativos de Galicia a que leven adiante iniciativas semellantes.

A académica de número Fina Casalderrey interveu na celebración en representación da Real Academia Galega. Tamén tomaron a palabra Antón Santamarina, en representación do Museo do Pobo Galego, e Francisco San Xiao, en nome da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Pechou o acto o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Todos os asistentes asinaron no libro da constitución da nova Sociedade da Lingua e recibiron unha insignia inspirada no debuxo que acompañaba o documento das Regras e preceutos da creada en 1924.

A homenaxe incluíu ademais a inauguración dun mural xigante, na fachada do centro, coa imaxe de Antonio Fraguas formada por topónimos de Cotobade, a proxección dun audiovisual que conta a influencia que tiveron os mestres na vida de Antonio Fraguas e a representación por parte do alumnado, a xeito de romance de cego, da historia de Florentina, a moza de Loureiro de Cotobade que morreu de amor en 1857. Tras coñecer a súa historia a través de Fraguas, Castelao dedicoulle o segundo do libro de Cousas.


Fina Casalderrey asina en representación da Real Academia no libro de constitución da nova Sociedade da Lingua. Fonte: IES de Cotobade
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete