O 'Boletín' dedicado a Manuel María recolle vinte contribucións sobre a súa vida e obra

O número 377 do Boletín da Real Academia Galega xa pode consultarse en versión dixital na sección Publicacións de academia.gal. O volume recolle vinte colaboracións arredor da figura e a obra do poeta chairego presentados nos distintos actos organizados pola institución co gallo do Día das Letras Galegas 2016, do que foi protagonista.
Cuberta do 'Boletín' nº 377

"Cos seus tres primeiros libros, escritos de 1949 a 1951, Manuel María constrúe xa nos arredores dos seus vinte anos unha obra poética de grande altura". Así arrinca o resumo da achega de Darío Xohán Cabana ao Simposio Manuel María recollido no Boletín, que lle dedica a súa primeira parte a este encontro celebrado na Real Academia Galega os días 22, 23 e 24 de novembro de 2016. Á colaboración do académico, centrada nas primeiras obras de mocidade do poeta chairego, séguenlle outros dezaseis artigos dedicados a diferentes aspectos e momentos da vida e da obra deste autor polifacético e comprometido.

Diversas olladas á poética, á narrativa, ao teatro e ao articulismo de Manuel María, a relación do escritor coa lingua galega, o seu papel na construción dunha educación literaria en galego ou a pegada que deixou na creación da música galega contemporánea son algúns dos temas abordadados nas achegas presentadas no Simposio Manuel María que agora poden lerse no Boletín. Os autores e autoras son Marta Dacosta Alonso, Manuel López Foxo, Rosalía Fernández Rial, Camilo Gómez Torres, Mercedes Queixas Zas, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Henrique Rabuñal, Montse Pena Presas, Xurxo Souto, Xosé Estévez, Carlos Quiroga, Pilar García Negro, Antón Lopo e Xosé Lois García e Fina Casalderrey.

O segundo apartado do Boletín xunta as alocucións pronunciadas o 17 de maio na casa natal de Manuel María, en Outeiro de Rei, a cargo de Manuel Rivas ("Manuel María, activista da verdade"), Margarita Ledo ("Resistencia e dereito á renacenza") e Darío Xohán Cabana ("Manuel María, o poeta").

Este número ofrece tamén un traballo sobre as achegas de Xesús Alonso Montero ás orixes da sociolingüística galega (1968-1973) asinado polo académico Henrique Monteagudo; outro da académica correspondente Luz Méndez, "Galicia no decreto de 1916"; e "Novas aplicacións informáticas para recoller, normalizar e difundir a toponimia de Galicia. Estado dos proxectos", do membro do Seminario de Onomástica Vicente Feijoo. Pechan o volume unha recensión sobre o o libro de Siro López Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, unha contribución do académico Xesús Ferro Ruibal, e a sección "Vida oficial da RAG".

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 36

Descargar